Adianto electoral en Andalucía: ás urnas o 22 de marzo nunha cita seguida con lupa desde Madrid

Susana Díaz comunicou por teléfone ao seu socio de goberno, IU,que daba por roto o pacto de goberno. 

 

Andalucía irá ás urnas o 22 de marzo para elixir goberno. Os ruxes-ruxes destas semanas que apuntaban a unha convocatoria electoral adiantada confirmáronse na noite deste domingo coa chamada da presidente andaluza, Susana Díaz, ao seu socio de goberno para anunciarlle o adianto. Unha chamada de teléfono puxo fin a 16 meses de co-goberno PSOE e IU en Andalucía. Nos últimos meses os desencontros entre ambas as dúas formacións foron evidenciándose cada vez máis. IU, a través da súa conta de twitter, cualificou o adianto electoral de “deslealdade” e considera que esa medida non era “necesaria”.

Os comicios veñen dous meses antes que a cita coas municipais. E van ser un ‘test’ para PSOE, PP, IU e Podemos nun ano moi electoral, con citas tamén a nivel estatal e catalán. Nas filas socialistas a fenda existente entre Susana Díaz e o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, foi medrando a medida que se ía barallando a posibilidade dun adianto electoral. Sánchez pasou do apoio total no seu nomeamento como secretario xeral a ser cuestionado como candidato á presidencia do Goberno.

Nunha enquisa feita polo grupo Joly a principios do pasado mes de decembro o PSOE sería o máis votado nuns comicios andaluces, co 30,9% dos apoios en urna, seguido do PP con 24,9% e Podemos cun 17,4. Izquierda Unida obtería o 12,8%. En intención de voto directa o principal partido sería Podemos co 13,2%.