Åland únese a Frisia nas críticas á Comisión pola Minority Safepack
Hai dúas semanas era o Consello de Frisia quen aprobaba unha simbólica moción de censura contra a Comisión Europea, e nas últimas horas foi o Goberno de Åland o que criticou directamente a decisión do Executivo comunitario de non atender as peticións expostas na Minority Safepack.
Esta iniciativa cidadá europea ─unha iniciativa lexislativa popular a nivel da UE─, que reuniu 1,1 millóns de sinaturas e recibiu o apoio do Parlamento Europeo, solicitaba á UE medidas para defender, protexer e promover os dereitos das minorías nacionais e lingüísticas.
A Comisión, porén, desbotouna alegando que con desenvolver a lexislación existente abondaba.
Nunha carta enviada ao Executivo comunitario, Harry Jansson, vicepresidente do Goberno de Åland ─arquipélago e territorio autónomo baixo soberanía de Finlandia─, sinala que "o feito de que tantísima xente se unise para pedir a Europa que asegure a protección das minorías nacionais e lingüísticas en toda a Unión mostra ás claras que aínda hai traballo por facer".
Fronteiras dixitais
"Para nós, que vivimos nas autónomas, suecofalantes Illas de Åland, esta é unha importante iniciativa", apunta, e engade que "varias das accións que a iniciativa demanda poderían supor unha diferenza real na vida diaria das persoas no noso país".
Entre estas accións salienta, por exemplo, a posibilidade que a Minority Safepack contempla de derrubar as "fronteiras dixitais", que impiden, por dereitos de propiedade, ver os contidos audiovisuais na lingua materna emitidos en Estados veciños.
Ademais, advirte que o tratado de acceso de Åland á UE (tras o referendo nas illas de 1994) menciona explicitamente que o respecto aos territorios autónomos e ás minorías era parte central da política da Unión.