Alemaña defende acelerar a expulsión de migrantes e quitarlles prestacións
Nancy Faeser, titular de Interior de Alemaña, presentou a quinta feira no lexislativo normas para frear a chegada de persoas migrantes sen regularizar, vinculándoas coa criminalidade. O plan contempla quitar a protección estatal a solicitantes de asilo que vaian de vacacións ao seu país de orixe, coa excepción das persoas ucraínas.
Tamén busca acelerar a expulsión de solicitantes de asilo que entraran na Unión Europea (UE) a través doutro Estado, trasladando a responsabilidade aos países situados nas fronteiras exteriores do bloque comunitario. Para forzalas a marchar limitarán as prestacións sociais a 15 días.
Ao tempo, retirarán a protección estatal ás condenadas por delitos como antisemitismo e racismo, e Faeser defendeu que estudan como efectuar “rexeitamentos masivos” de persoas migrantes.
O Executivo anunciara con anterioridade a implementación de controis en todas as súas fronteiras, alegando a “carga” da migración. Polonia e outros países veciños criticaron a medida, que para Varsovia é de facto “unha suspensión a grande escala” do acordo de Schengen.