Almería retira unha campaña na que vinculaba o sexo con menores ao seu consentimento

(Foto: Europa Press)

O Concello almeriense, gobernado polo PP, pide desculpas tras publicar carteis coa foto dun neno e o lema “Se dis non, non é sexo, é agresión”. A campaña está cofinanciada polo Ministerio de Igualdade, que esixiu a súa retirada.

 

Un cartel contra as agresións sexuais a menores de idade instalado en soportes publicitarios dentro dunha campaña promovida polo Concello de Almería (Andalucía) xerou unha grande polémica nas redes sociais pola presunta mensaxe "pederasta" que algúns usuarios observaron no seu contido.

"Se di non, non é sexo, é agresión", aparece reflectido neste cartel xunto á imaxe dun neno, no que ademais se recolle que "72, 3 % das agresións sexuais a menores prodúcense na contorna familiar e escolar da vítima", segundo datos de 2023 do Ministerio do Interior.

Baixo esta mensaxe aparecen os logotipos do Concello de Almería, do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e do Ministerio de Igualdade.

As copias do cartaz estiveron en enclaves céntricos da cidade como a Rambla Federico García Lorca, á altura de dous centros educativos, ou na Praza Altamira, até que o Goberno local ordenou a súa retirada, tratando de frear a polémica que seguiu avanzando nas redes.

Desde o Concello de Almería sinalaron a EFE que se trata "dun erro" dentro dunha campaña contra a violencia de xénero con varios modelos de carteis, e aseguraron que xa se procede a retirar aqueles que son como o criticado.