Alto o fogo en Siria

Alepo

Putin anuncia a sinatura dun acordo entre Damasco e a oposición armada. O cesamento de hostilidades comezará a media noite da quinta á sexta feira e estenderase a todo o territorio. Non afecta ao Daesh

O presidente ruso, Vladimir Putin, anunciou a sinatura dun acordo de cesamento do fogo en todo o territorio sirio entre o goberno e a oposición armada. Putin tamén anunciou que ía reducir a presenza de tropas rusas sobre o terreo.

Para alén do alto o fogo, ambas partes asinaron outros dous documentos. Un con medidas de control deste cesamento e outro cunha declaración por escrito no que se comprometen a iniciar negociacións de paz para procurar unha solución á situación de violencia que Siria vive desde hai 6 anos. “Os acordos atinxidos son, sen lugar a dúbidas, fráxiles. Exixen unha especial atención e vixilancia”, afirmou. O mandatario destacou que Moscova levaba “moito tempo” agardando por este acordo, traballando canda Turquía e outros países para acadalo. Precisamente Rusia, Turquía e Irán comprométense a verificar e garantir o cumprimento do acordo.

O acordo non afecta a Daesh. Putin anunciou que ían reducir a presenza de tropas rusas en Siria, mais tamén afirmou que “continuaremos loitando contra o terrorismo internacional e apoiando o goberno lexítimo sirio na loita  contra o terrorismo".