Amnistía Internacional denuncia "abusos sistemáticos" no Irán
A ONG Amnistía Internacional culpou as forzas de seguridade iranianas de perpetrar abusos de forma sistemática contra quen saíu a manifestarse nestas últimas semanas, por mor do presunto asasinato dunha muller, Mahsa Amini, tras ser detida por levar mal posto o veo, e reclamou unha investigación internacional.
As análises levadas a cabo pola propia ONG, que examinou a onda de mobilizacións iniciada tras a morte de Amini o 16 de setembro, detectou un uso indiscriminado da forza por parte da Policía, que vén utilizando fogo real contra os manifestantes.
A organización non gobernamental tamén inclúe dentro deste patrón de abusos casos de violencia sexual contra mulleres e o fechamento deliberado dos servizos de internet, que limitou a posibilidade da poboación de comunicarse nun momento chave.
A secretaria xeral de Amnistía Internacional, Agnès Callamard, subliñou que "non deben ignorar as voces dos cidadáns valentes do Irán que piden a berros e desesperadamente apoio internacional", nun contexto de "impunidade sistemática" e de represión sobre calquera indicio de disidencia.
"Revolta sen precedentes"
As últimas protestas, nas cales as mulleres tiveron un gran peso, "desencadearon unha revolta nacional sen precedentes", a xuízo de Callamard, que pide algo máis que "palabras baleiras" para que a violencia termine xa e os seus responsábeis rendan contas.
"Un mecanismo internacional debe investigar urxentemente as mortes de manifestantes", subliñou.