Catalunya

A ANC acusa ERC de romper "a estratexia unitaria" do independentismo coa investidura de Illa

Carteis contra o 'si' de ERC á investidura de Salvador Illa na concentración do pasado 8 de agosto en Barcelona para recibir Carles Puigdemont. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
"Os recursos e competencias do Parlament e da Generalitat non permiten afrontar os grandes retos nacionais, económicos e sociais do noso país", salienta a entidade independentista.

A Assemblea Nacional Catalana acusou esta segunda feira a dirección de ERC de culminar "a súa ruptura coa estratexia unitaria seguida desde a sentenza de 2010 do Tribunal Constitucional contra o Estatut" tras votar a favor de investir o socialista Salvador Illa como president da Generalitat o pasado 8 de agosto xunto aos Comuns.

Nun comunicado remitido aos medios, a entidade liderada desde o pasado xuño polo cantautor e ex deputado Lluís Llach criticou que con esa decisión ERC "volveu á política fracasada dos gobernos tripartitos, á alianza co PSOE, Sumar e as súas respectivas sucursais en Catalunya".

"Esta estratexia volverá fracasar. Porque os recursos e competencias do Parlament e da Generalitat non permiten afrontar os grandes retos nacionais, económicos e sociais do noso país", engadiu a ANC.

"Orgullo" polo retorno de Puigdemont

A entidade sostén tamén que o retorno do ex president Carles Puigdemont o día da investidura de Illa "beneficia" todo o movemento independentista, e considera que foi "un gran paso para dinamitar o intento de normalización institucional, política e social que persegue a Lei de Amnistía e a votación de Salvador Illa como novo president da Generalitat".

"Como entidade líder independentista queremos expresar o orgullo que nos supón ver miles de persoas decididas nun acto pacífico de protesta absolutamente memorábel", conclúe o comunicado da ANC.