António Costa, "rei e senhor de Portugal"

O líder do PS –na imaxe, en Lisboa na noite electoral– apostou por dar nas urnas o golpe de gracia á geringonça e saíu vitorioso (Foto: Pedro Fiuza / ZUMA Press)
O presidente da República inicia nesta terza feira as audiencias cos partidos: na cuarta recibe o "estratego" Costa.

O presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, comeza nesta terza feira as audiencias cos partidos que conseguiron representación parlamentaria nas lexislativas do domingo. A derradeira será na cuarta, tras a que se agarda que propoña formalmente o primeiro ministro. Ese nome será o de António Costa, líder do Partido Socialista (PS), o gran triunfador da noite electoral. 

Foi a gran derrotada da noite, Catarina Martins, a primeira en comunicar que o PS atinxira a maioría absoluta. A líder do Bloco de Esquerda (BE) non dimitiu, mais fica nunha situación complicada tras perder 14 dos 19 asentos que tiña na Assembleia da República. Asumiu o "mau resultado" e xustificouno pola "sucedida estratégia" de Costa de "criar uma crise artificial" durante a campaña, que xerou un voto útil penalizando os partidos á esquerda do PS.

Porque tamén o Partido Comunista Português (PCP), que concorreu como en outras ocasión cos Verdes na coalición CDU, perdeu representantes, pasando de 12 a 6. Isto é, o peor resultado desde 1976. Na terza feira está prevista unha reunión do Comité Central. O domingo, o seu líder, Jerónimo de Sousa, incidía en que "a extrema promoção da bipolarização, beneficiou o PS, apesar da sua postura de fuga às respostas necessárias ao país".

O certo é que coa porcentaxe de votos obtida, o BE (4,46%) e a CDU (4,39%) non poderían nin sequera entrar, por exemplo, no Parlamento galego, que ten fixada a barreira electoral en 5%. En Portugal, non obstante, este límite mínimo está prohibido pola Constitución.

A falta de asignar os catro deputados da emigración ─dous de Europa e dous de fóra─, o PS erixiuse como o partido mais votado nas lexislativas do domingo, con 41,68% dos votos e 117 deputados (en 2019, os socialistas lograron dous deputados máis grazas a ese voto exterior). 

O principal partido da oposición, Partido Social Democrata (PSD, dereita liberal), foi segundo, con 27,80% dos votos e 71 deputados (79, en 2019). O seu líder, Rui Rio, abriu a porta á dimisión, aínda que mantén unha posición de forza, rodeado de afíns no Parlamento, despois das últimas eleccións internas.

Vitoria pírrica

O Chega (extrema dereita), terceiro, con 7,15% e 12 deputados, e Iniciativa Liberal (IL), cuarto, com 5% e oito deputados, desbancaron e relegaron ao quinto e sexto postos os bloquistas e comunistas. Era este o principal obxectivo do líder ultradereitista, un exultante André Ventura que cargou contra Rio e se autoerixiu como a auténtica oposición. Porén, con apenas sete de cada cen votos, a 'vitoria' da ultradereita ficou en pírrica: se loce é indirectamente, polo ocaso do BE e do PCP, eclipsados polo PS de Costa.

O primeiro ministro fixo sangue dos seus antigos socios de geringonça, o pacto das esquerdas que o levou por primeira vez ao Goberno tras as eleccións de 2015. "Os portugueses mostraram um cartão vermelho a qualquer crise política, desejam estabilidade, com certeza, segurança e um Governo do PS para os próximos quatro anos", afirmou o domingo pola noite.

Mais prometeu diálogo. "Uma maioria absoluta não é poder absoluto, não é governar sozinho, é uma responsabilidade acrescida", salientou tras uns comicios cun importante descenso na participación, de 51,4% en 2019 (prepandemia) a 42,04%.

A pantasma de Sócrates

O xornal conservador Observador ─ademais de asegurar que "a vitória socialista deixou PSD novamente de pantanas"─ centrouse nos próximos catro anos coa vista posta no pasado. "Costa absoluto promete ser diferente de Sócrates", sinalaba na segunda feira en referencia á última e até o domingo única maioría absoluta do PS, a de José Sócrates en 2005, con 120 escanos.

O ex primeiro ministro é lembrado por estar á fronte do Goberno durante a gran crise de inicios da década de 2010 que arrasou o país e por solicitar o rescate da troika co apoio da dereita. A día de hoxe está pendente de ser xulgado por varios delitos de corrupción cometidos durante o seu mandato. 

A respecto do triunfo de Costa, esquerda.net (portal de información do BE) sostivo que "a pressão do voto útil concentrou o voto da esquerda no PS e garantiu-lhe uma maioria absoluta no Parlamento". Mentres, no diario Público, afín ao PS, o analista João Miguel Tavares considerou que "foi uma noite histórica para o PS e para António Costa, e a vitória mais saborosa de sempre, porque ninguém estava à espera do que aconteceu". 

"O PS aguentou o seu centro e destruiu a sua esquerda. O muro caiu em cima do Bloco e do PCP, e o PS recolheu os escombros. António Costa é rei e senhor de Portugal", resumiu Tavares.