Arranca en Suíza a iniciativa de paz de Zelenski para Ucraína sen participación rusa nin chinesa

Volodimir Zelenski e Viola Amherd. (Foto: Europa Press).
Zelenski quere "facer historia" e lograr un amplo consenso no chamado Cume de Paz Global.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, e a súa homóloga suíza, Viola Amherd, inauguraron este sábado o Cume de Paz Global, a gran iniciativa de paz do mandatario ucraíno para o seu territorio.

Serán, segundo dixo, serán "dous días de conversacións entre nacións distintas e unidas a pesar de todo co obxectivo común de levar unha paz xusta e duradeira para Ucraína".

Zelenski impulsou este encontro en Suíza coa intención de "facer historia" e lograr un amplo consenso sobre a súa "fórmula de paz" para poñer o fin do conflito.

Ausencias

Porén, o cume está marcado pola esperada ausencia de Rusia, que rexeitou por completo o plan de paz ucraíno ao negarse a retirar as súas forzas e devolver a Ucraína a soberanía das rexións baixo o control ruso, como esixe Kíiv.

Non acudirá á cita ningunha representación de China, próxima a Moscova, que leva meses impulsando a súa propia iniciativa de paz.

Tampouco estará presente Brasil nin Colombia. O seu presidente, Gustavo Petro, anunciou a última hora que asistirá á reunión ao entender que se trata dun aliñamento coas posturas en favor da continuación do conflito.

Ao cume acoden perto dun centenar de países e organizacións internacionais. Estados Unidos estará representado pola vicepresidenta, Kamala Harris, e o asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Jake Sullivan. Xuntos "reafirmarán o seu apoio ao pobo de Ucraína fronte á agresión rusa", de acordo con un comunicado da Casa Branca.

Fica no aire unha aposta real por unha negociación de paz en Ucraína, máis aló da escenificación do apoio que a comunidade internacional declara a Zelenski.

Propósito

Segundo Zelenski, a cita está deseñada de tal maneira que "todos os países terán a oportunidade de demostrar o seu liderado" en forma dunha "maioría responsñábel co potencial de achegar a paz e restaurar de pleno dereito a Carta de Nacións Unidas".

"As opinións, as ideas e o liderado de cada nación son igualmente importantes para nós e todo o que se acorde no Cume será parte do proceso de estabelecemento da paz e do restablecemento da plena forza da Carta das Nacións Unidas que todos necesitamos", engadiu.

Pola súa parte, Amherd, espera do encontro, tamén, "inspirar un proceso de paz e tomar medidas concretas para logralo" e engadiu que "todas as delegacións participantes deberían poder expoñer as súas ideas e puntos de vista".