Arxentina dita condenas históricas polos crimes do Plan Cóndor

[Imaxe: Latuff]

A xustiza arxentina vén de condenar 18 persoas acusadas de participar no Plan Cóndor, a operación orquestrada polas ditaduras que gobernaban en América Latina en coordinación cos EUA contra os movementos de esquerda na década dos 70 e dos 80.

Un total de 18 acusados de participar no Plan Cóndor veñen recibir condenas históricas por parte da xustiza arxentina. As máis altas condenas recibíronas o xeneral retirado Santiago Omar Riveros (a 25 anos de cadea) e o último ditador arxentino, Reynaldo Bignone (a 20 anos de cárcere), ambos os dous acusados por asociación ilícita e por secuestros.

Tamén foi condenado a 25 anos o coronel uruguaio retirado Manuel Cordero, que fora extraditado á Arxentina desde o Brasil. O resto das condenas ditadas polo Tribunal Oral no Criminal Federal número 1 de Bos Aires superan os 12 anos de cadea.  

Os máximos responsábeis non figuran na nómina de condenados, pois faleceron antes de que se ditase a sentenza. Ao inicio do proceso, a xustiza imputou 32 persoas, mais ao comezou do xuízo oral, en marzo de 2014, só vivían 25.

O Centro de Estudos Legais e Sociais (CELS), entidade que impuxo a querela, cifra en 106 as vítimas da causa: 45 persoas uruguaias; 22 chilenas; 15 paraguaias; 13 bolivianas; 10 arxentinas e unha ecuatoriana. A maior parte destas persoas foron secuestradas na Arxentina.

"O importante deste xuízo é que por vez primeira en América Latina un tribunal recoñece a existencia do Plan Cóndor como asociación ilícita"

O director executivo do CELS, Gastón Chiller, afirmou en declaracións aos medios que “o importante deste xuízo é que por vez primeira en América Latina un tribunal recoñece a existencia do Plan Cóndor como asociación ilícita. É un xuízo clave porque se estivesen vivos Pinochet ou Stroessner estarían na causa.

O outro gran xuízo arredor do Plan Cóndor ten lugar en Roma, nun proceso contra 30 ex militares e civís de Bolivia, Chile, o Perú e o Uruguai acusados da desaparición e da morte de 43 persoas opositoras, algunha delas de orixe italiana.

Que foi o Plan Cóndor?

O Plan Cóndor foi unha operación entre os servizos de intelixencia das ditaduras que gobernaban o sur de América –Arxentina, Chile, Uruguai, Brasil, Paraguai e Bolivia- para asasinar membros de movementos de esquerda que trataban de derrocar os réximes fascistas nos anos 70 e 80.

A colaboración da CIA e dos EUA foi decisiva. No contexto da Guerra Fría, Henry Kissinger, xefe da diplomacia nos EUA, vía nas ditaduras sudamericanas un freo ao avance do socialismo. De feito, a participación de Kissinger no Plan Cóndor foi revelada nunha correspondencia enviada a un ministro arxentino na que advertía da necesidade de “maximizar os esforzos contra o marxismo”.

Kissinger pedira “maximizar os esforzos contra o marxismo”

Este plan, segundo o CELS, contemplaba tres etapas: identificar as persoas opositoras, eliminalas ou secuestralas nos países implicados ou neutralizalas fóra dos países. Finalizou após o asasinato de Orlando Letelier, ex chanceler do presidente chileno Salvador Allende.