Detida unha muller polo asasinato a tiros do irmán de Begoña Villacís, Borja

Axentes da Policía Nacional no lugar no que se produciu o tiroteo. (Foto: Europa Press)
Borja Villacís Sánchez estaba imputado nunha causa por narcotráfico e branqueo de capitais a grande escala no Xulgado Central de Instrución número 5 da Audiencia Nacional.

O irmán da ex concelleira de Ciudadanos en Madrid Begoña Villacís, Borja, faleceu no mediodía desta terza feira tiroteado na cabeza por outro home que se atopaba dentro dun vehículo no madrileño barrio de Las Tablas, segundo veñen de informar fontes da Xefatura Superior da Policía de Madrid. Sucedeu sobre as 12.30 horas na estrada de Fuencarral a Alcobendas, no termo municipal de Madrid.

Tras os disparos, chegaron ao lugar sanitarios do Samur e Protección Civil, que atenderon este home, de 41 anos, practicándolle as manobras de reanimación cardiopulmonar. Pero finalmente confirmaron que cando chegaron xa falecera por feridas de arma de fogo.

O equipo médico non atendeu a máis persoas, indicou unha portavoz de Emerxencias Madrid citada pola axencia Europa Press. Até o lugar chegaron unha gran cantidade de policías, entre eles axentes da Policía Científica e do grupo V de Homicidios da Policía Nacional de Madrid.

Segundo veciños e traballadores da zona, 50 axentes e unha vintena de furgonetas chegaron á zona buscando esta persoa no descampado. Tamén despregaron un helicóptero e mais un dron. Os axentes preguntaron aos responsábeis dun hotel próximo se sabían algo.

Borja Villacís Sánchez xa fora detido, como membro do grupo radical madridista e con vinculacións co movemento neonazi UltrasSur, hai 20 anos, por asestar unha brutal paliza a un mozo en Moncloa. Na actualidade, aliás, estaba imputado nunha causa por narcotráfico e branqueo de capitais a grande escala no Xulgado Central de Instrución número 5 da Audiencia Nacional.

Detida a presunta asasina

A Policía detivo pouco tempo despois unha muller como presunta autora do homicidio. Non se descarta que nas próximas horas poidan producirse novas detencións relacionadas con este crime.