Cinco asasinatos machistas en 48 horas no Estado español

Minuto de silencio convocado esta segunda feira ás portas do Ministerio de Igualdade, en Madrid. (Foto: Matías Chiofalo / Europa Press)
Fin de semana negro con supostos crimes de violencia machista en Bunyol, Salou, Sabadell, Madrid e Alacant.

Un home asasinou presuntamente a súa muller e despois suicidouse en Alacant (País Valencià). A Policía achou os corpos de ambos os dous con disparos de escopeta na vivenda da parella na noite deste domingo, segundo confirmaron esta segunda feira fontes policiais que cita a axencia Europa Press. Con esta xa son cinco as mulleres asasinadas, supostamente, en casos de violencia machista só durante a pasada fin de semana.

A Policía accedeu á vivenda da rúa alacantina Virgen del Socorro ás 23 horas do domingo tras recibir o aviso dun familiar dos falecidos, xa que estes non lle collían o teléfono. Trátase dunha muller de orixe estranxeira, segundo as mesmas fontes policiais, e a súa parella, ambos de 30 anos de idade.

A maiores deste crime, as autoridades deron conta doutros catro nas últimas horas, comezando por un caso sucedido o sábado na localidade valenciana de Bunyol. Un home matou, presuntamente, a súa parella, unha muller de 31 anos, e foi detido após sufrir un accidente de tráfico cando intentaba fuxir da Policía, segundo fontes citadas por Europa Press.

Na noite do sábado, aliás, os Mossos d'Esquadra detiveron en Salou (Catalunya) un home de 86 anos acusado dun delito de homicidio contra a súa parella, unha muller de 76, cuxo corpo presentaría indicios de criminalidade.

E tamén os Mossos están actualmente investigando outro delito cometido o domingo en Sabadell, o dunha muller asasinada por unha arma branca, presuntamente, a mans da súa ex parella e en presenza das fillas, apunta RTVE.

Por último, a Policía Nacional ten entre mans outro suposto caso de violencia machista ocorrido no barrio madrileño de Carabanchel na madrugada do sábado, a morte dunha muller de 29 anos cuxa parella foi detida como principal sospeitoso do homicidio.

O Ministerio de Igualdade convocou para esta segunda feira un minuto de silencio ás 12 horas do mediodía diante da súa sede ao que asistiu a titular deste departamento, Ana Redondo, xunto a outras autoridades. Tamén se convocaron senllos actos de repulsa en Sabadell e Salou.