O asedio de Israel sobre a Faixa de Gaza contabiliza xa máis de 39.500 persoas mortas e perto de 91.300 feridas

Veciñanza de Khan Younis, cidade no sur da Faixa de Gaza, camiñando entre os cascallos. (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa via Europa Press)

Un bombardeo israelí contra unha escola da cidade de Gaza utilizada como lugar de refuxio deixa cando menos 15 persoas mortas e decenas de feridas.

As autoridades sanitarias da Faixa de Gaza anunciaron este sábado que xa son máis de 39.500 as persoas asasinadas polo Estado de Israel desde o 7 de outubro de 2023. O Ministerio de Sanidade de Gaza indicou nun comunicado que o último balance apunta que as persoas falecidas son xa 39.550 e a cifra de feridas alcanza as 91.280 tras o reconto de vítimas rexistradas durante as últimas 24 horas no enclave palestino.

Así, sinalou que “a ocupación israelí” cometeu “outros tres masacres contra familias de Gaza”, os cales deixaron 31 mortos e 62 feridos, que foron trasladados a varios hospitais.

Non obstante, as autoridades alertaron de que estas cifras poderían ser moi superiores dado que se estima que hai centos de persoas atrapadas baixo os cascallos da Faixa de Gaza.

Ataque contra unha escola de Gaza

Ás cifras proporcionadas polo Ministerio de Sanidade gazatí habería que engadir cando menos 15 persoas e decenas feridas este sábado nunha serie bombardeos israelís sobre unha escola da cidade de Gaza, segundo fixeron saber fontes médicas palestinas ao xornal Filastin.

Estes ataques tiveron lugar concretamente na Escola Hamama do barrio de Sheij Radwan, no oeste da cidade, de acordo con estas fontes, que identifican a escola como un lugar de refuxio para persoas desprazadas.

O edificio ficou completamente destruído nunha segunda ondada de bombardeos, o que provocou a morte de máis persoas, incluídas mulleres e crianzas, segundo recolle a canle de televisión Al Jazeera. En concreto, recolle que equipos de rescate traballaban no lugar cando se produciu o segundo ataque.

“Recibimos varios mortos e feridos, incluso crianzas, como consecuencia do bombardeo israelí sobre a Escola Hamama”, relatou un responsábel sanitario do Hospital Baptista da Cidade de Gaza, citado por Filastin.

Israel confirmou nun comunicado militar un bombardeo efectuado polos seus avións de combate contra a escola, que describe no seu lugar como “un centro de comando e control de Hamás”, empregado polas milicias do movemento palestino “para planificar e levar a cabo ataques contra as tropas israelís na Faixa”.

Tras asegurar que o ataque foi levado a cabo con “precisión” para “minimizar” vítimas civís, Israel volveu acusar Hamás de “usar a poboación de Gaza como escudos humanos para as súas actividades terroristas”.