A Asemblea de Córsega aproba un plan de recoñecemento do pobo corso e a co-oficialidade

Autonomistas, independentistas e esquerda francesa sacan adiante na Cámara o Padduc. “Somos quen de decidir o noso futuro por nós propios” din de Corsica Libera.

 

A Asemblea corsa vén de aprobar un Plan de Ordenamento e Desenvolvemento Sostíbel de Córsega (Pdduc nas siglas en francés), un plano cuxa aprobación para ‘Femu a Corsica’ (nacionalistas, con 11 deputad@s de 51) é “unha vitoria política do pobo coso”. O Pdduc tivo o voto favorábel de 38 parlamentares (nacionalistas, independentistas e a esquerda de obediencia francesa). A dereita francesa retirouse da votación argumentando que o proxecto é “irrealizábel” e que vai comprometer o desenvolvemento da illa.

Mais, porque é tan importante a aprobación deste plano? Nationalia explica que o Pdduc fixa as trabes do desenvolvemento económico, social, cultural e turístico de Córsega, pulando por preservar “o entorno da illa, a súa cultura e lingua e a súa identidade”. Aliás, supón a derrogación do anterior plano, de 2009, moi criticado por ecoloxistas e nacionalistas por entender que era “lesivo” para coa illa.

Femu a Corsica, recolle Nationalia, expuxo catro grandes motivos polos que o nacionalismo corso debe estar satisfeito coa aprobación do Pdduc: que por primeira vez se emprega no texto a fórmula de ‘pobo corso’, contempla a cooficilidade do idioma corso, amplía a protección a zonas agrícolas e espazos naturais fronte o urbanismo e que abre espazos a “elementos dinámicos de goberno”.

Para as e os independentistas de Corsica Libera, hai dúas mensaxes a ter en conta: a primeira, “que non van ser os especuladores e os mafiosos quen vaian decidir o desenvolvemento da illa”; a segunda: “Os corsos amosamos que somos quen de decidir por nós propios”.

A proposta aprobada na Cámara debe ser agora analizada por diferentes entidades e organismos da illa, que poderán achegar recomendacións e propostas de modificación durante un prazo de tres meses. Despois, o Pdduc volverá á Cámara, onde se fará a votación definitiva.