Un ataque de Israel contra un campo de refuxiados de Gaza deixa máis de 70 mortos e centos de feridos

Campo de refuxiados de Al Mawasi, en Jan Yunis, no oeste da Faixa de Gaza. (Foto: Europa Press).

Un bombardeo con mísiles das Forzas Armadas de Israel provoca un masacre na área humanitaria de Al Mawasi onde residen milleiros de palestinos refuxiados.

Unha acción militar das Forzas Armadas de Israel deixou un mínimo de 71 persoas mortas e centos de feridas no campo de refuxiados de Al Mawasi, unha “zona humanitaria, emprazada en Jan Yunis.

A cifra de vítimas foi avanzada polo Ministerio de Sanidade da Faixa de Gaza. Nun comunicado, as autoridades dos territorios ocupados afirmaron que “o número de mortos no horríbel masacre de cidadáns e desprazados perpetrada polos ocupantes superou os 71 e 289 resultaron feridos"

Un alto cargo da administración palestina, Sami Abu Zuhri asegurou que "todos os mártires son civís e o que ocorreu foi unha grave escalada da guerra de xenocidio, apoiada polo apoio estadounidense e o silencio mundial".

Israel xustifica o ataque

Os voceiros das Forzas Armadas de Israel confirmaron o ataque e explicaron que este buscaba acabar coa vida de dous dirixentes da resistencia Palestina, Mohamed Deif e Raf Salamé.

"Os dous estaban nun edificio baixo entre a área da A Mawasi e Jan Yunis, nun lugar de civís”, aseguraron as fontes hebreas, que indicaron que “non era un campamento de tendas para palestinos desprazados. Varias ducias máis de axentes de Hamás tamén se atopaban na zona cando o lugar foi atacado".

Al Mawasi

O campo Al Mawasi está poboado por milleiros de persoas procedentes do norte de Faixa de Gaza así como da localidade de Rafah, outro emprazamento duramente atacado polo exército sionista desde o comezo da ofensiva.

 Al Mawasi, un espazo densamente poboado, estaba declarado como zona “segura” e “humanitaria” polas autoridades de Israel que ordenaron en varias ocasións nos últimos meses o traslado da poboación gazatí a este punto.