O PP acepta unha repartición de 347 menores migrantes entre o conxunto das autonomías

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
A política migratoria enfronta aos populares co Goberno do Estado.

A Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia desenvolvida na xornada desta cuarta feira en Tenerife serviu para evidenciar as diferenzas entre o Goberno do Estado español e o Partido Popular en materia de inmigración. Mentres o Executivo estatal reclamou axuda das comunidades dirixidas polos populares para acoller perto de 3.000 menores que non pode aloxar o Goberno canario, os Executivos liderados polo PP asumiron que o conxunto das autonomías do Estado español se fagan cargo de 347, en liña co pactado en 2022.

Segundo o acordado, a Galiza acollería 26 menores, Andalucía 30, Aragón 20, Asturias 24, Balears 10, Cantabria 29, Castela e León 21, Castela-A Mancha 20, Catalunya 31, País Valencià 23, Estremadura 30, Madrid 30, Murcia 16, Nafarroa 15, Euskadi 18 e A Rioxa catro.

A proposta dos populares foi avanzada antes do encontro desde Euskadi polo seu presidente, Alberto Núñez Feixoo. O máximo responsábel do primeiro partido da oposición afirmou que “solidariedade das comunidades do PP, si; acoller os 400 menores que se nos pediron, si; cando xa non se poida acoller máis porque non hai instalacións, pedímoslle ao Goberno estatal que habilite instalacións e xestione o resto de menores que necesitan asistencia e coidado”.

As palabras de Núñez Feixoo, que reclamou man dura coa inmigración exixindo "preservar as fronteiras de máis avalanchas de menores, porque xa non hai máis recursos para atendelos", mereceron a resposta da ministra de inclusión, Seguridade Social e Inmigracións, Elma Saiz.

A ministra acusou o PP de “falta de empatía” á hora de acoller as crianzas, criticouno de "abrazar os discursos xenófobos" de Vox e recomendoulle que "o que deberían facer é estar á beira do Goberno español nunha política tan importante pondo no centro os dereitos humanos".