O autor do intento de asasinar Trump deixou unha confesión na que ofrecía unha recompensa para matalo se fallaba

O ex presidente dos Estados Unidos Donald Trump. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Press Wi / DPA vía Europa Press)
Un caderno revela críticas a Rusia e á China.

O Departamento de Xustiza dos Estados Unidos comunicou a segunda feira que Ryan Wesley Routh, detido por un aparente intento de asasinato contra o ex presidente e candidato republicano nas presidenciais, Donald Trump, deixou unha nota na que confesaba que tiña a intención de matalo, amais, gardaba unha listaxe de datas e lugares nos que estaba previsto que estivera o ex mandatario.

No texto, pensado para ser atopado logo do ataque, o sospeitoso subliñou que “isto foi un intento de asasinato”. Prevendo que fallaría asegurou que “o fixen o mellor que puiden”, polo que ofrecía 150.000 dólares estadounidenses (134.000 euros) a “quen poida completar o traballo”. Nun caderno no seu coche detallaba como unirse á guerra en Ucraína entre críticas a Rusia e á China.

A diferenza da súa contrincante demócrata e vicepresidenta, Kamala Harris, que insiste en proseguir co envío de armas a Ucraína e deixar en segundo plano negociacións de paz, Trump defende a fin inmediata do conflito, e incidiu en que Harris “non pode” evitar que se produza outra guerra mundial.