Ignacio Ramonet

“O auxe da extrema dereita é consecuencia das políticas neoliberais”

Ignacio Ramonet (Redondela, 1943) vén de visitar Galiza para pronunciar unha conferencia na Coruña e para participar nunha homenaxe ao xornalista e escritor Ramón Chao en Vilalba. Director de Le Monde Diplomatique en español e teórico do altermundismo, o experto en xeopolítica reflexiona nesta conversa sobre a actualidade política en Europa, a crise da socialdemocracia e o “imperio da vixilancia”. Publicamos un extracto da entrevista recollida no Sermos Galiza 248.

Como ves a situación política europea, co auxe dos partidos de extrema dereita e a aparición de novas formacións alternativas?

O primeiro fenómeno dominante é a suba da extrema dereita, que está a ocorrer no norte de Europa. Unha extrema dereita que era inexistente hai un par de décadas e que agora está presente en moitos países. En Francia vímolo recentemente; en Austria estivo a piques de gañar a presidencia; nos Países Baixos medrou considerabelmente e nos nórdicos goberna directa ou indirectamente, porque o seu grupo é bisagra e permite que se aprobe ou non unha determinada lei. Este auxe é consecuencia das políticas neoliberais, que crearon toda unha franxa da poboación marxinada, é dicir, os perdedores da globalización. Vázquez Montalbán dicía: “Na globalización hai globalizadores e globalizados”. Os globalizados son as vítimas e empezan a formular problemas, xa teñen un efecto de masa. E como protestan? Non contra a globalización, que é un fenómeno abstracto, senón contra unha das súas aparencias, que é a presenza das persoas estranxeiras. Isto é o que levou ao poder a Trump, un individuo totalmente imprevisíbel. A xenofobia xorde fronte á globalización e ao poder financeiro.

 

A crise da socialdemocracia parece unha serie por capítulos.

 

Os partidos socialistas non responderon adecuadamente, e por iso están a desaparecer: en Italia, Francia, España... Non teñen teoría do momento: ou son demasiado liberais ou demasiado arcaicos. As primarias son un elemento que permite elixir pero que xera unhas tensións internas que producen fracturas. Ninguén pode imaxinar que Susana Díaz vaia colaborar con Sánchez, que se vai atopar á fronte dun partido moi reducido. De feito, hai membros do PSOE histórico que están pensando en crear novas organizacións. E isto vémolo en Francia, onde o ex primeiro ministro francés, Valls, foise con Macron. Asistimos a unha crise da política, a xente non confía nos políticos.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 248, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]