Arxentina estrea 'ballotage' co peronismo en apuros

Co 96% escrutado,  candidato oficialista, Daniel Scioli, obtivo o 36,7% dos votos fronte aos 34,4% do opositor Mauricio Macri e os máis do 20% do peronista opositor Sergio. O 22 de novembro decorrerá a segunda volta nun escenario moi aberto.

Arxentina estrea segunda volta electoral, unha fórmula que malia levar no regulamento xurídico do país desde principios dos 70 (con varias reformas, como a de 1994), nunca fora usada. As eleccións determinábanse xa na primeira volta. Mais non foi así desta volta e dos comicios desta fin de semana saíron uns resultados moi axustados entre o candidato 'oficialista' e o da oposición. Un escenario que as enquisas e sondaxes non chegaron a predecir, pois os inquéritos apontaban a unha vitoria máis folgada do peronismo.

Cun 96% escrutado, Daniel Scioli, Frente para la Victoria (FpV), logrou o 36,7% dos votos polo 34,4% de Mauricio Macri (Cambiemos). O peronista opositor Sergio Massa (Unidos por unha Nueva Alianza) logrou o 21,1%. Haberá pois segunda volta, será o 22 de novembro, tamén denominada como 'Ballotage' (palabra francesa, pois no II Imperio napoleónico está a orixe deste sistema). E a pregunta do millón é que farán os votantes que optaron por Massa, un político que comezou a súa andaina no denominado 'kirchnerismo' mais que rachou con el.

Macri dixo na noite electoral que “o sucedido cambia a política deste país” e parabenizouse polos resultados. Scioli no seu discurso realizou un chamamento: “Pido que me sigan acompañando a quen antes elixiron outra proposta. Porque chegou o día no que para un arxentino, non hai nada mellor que outro arxentino", enfatizou citando Perón

Desde a reforma constitucional de 1994 nunca houbo unha segunda volta electoral en Arxentina. As únics eleccións nas que houbo un escenario de 'ballotage' foi nos comicios de abril de 2003 cando a candidatura de Carlos Menem lograra o 24,5% dos votos e a encabezada por Néstor Kirchner o 22,2%. Cumpíra realizar unha segunda volta o 18 de maio, mais non se fixo pois Menem renunciou a se presentar temendo un forte voto de castigo e Kirchner foi proclamado presidente.