Cadea perpetua en Israel a 5 crianzas palestinas por guindar pedras

As familias de Ali Shamlawi, Mohamad Kleib, Mohamad Suleiman, Ammar Souf e Tamer Souf piden a intervención da xustiza internacional para evitar que o tribunal israelí aplique a condena.

Ali Shamlawi, Mohamad Kleib, Mohamad Suleiman, Ammar Souf e Tamer Souf son cinco menores palestinos que poden pasar o resto das súas vidas en prisións israelitas. Están a ser xulgados por un tribunal de Israel acusados de guindar pedras contra un vehículo no que viaxaba unha familia colona e que a raíz das pedradas sufriu un accidente. A petición que se fai para estes cinco menores, bautizados xa a nivel mediatico como The Hares Boys (Os rapaces de Hares, a vila de onde son as crianzas), é a de cadea perpetua.

Para a fiscalía israelita, cada pedra guindada é un intento de homicidio e así debe ser xulgada

En marzo de 2013 o poderoso exército israelita invadiu aproveitando a escuridade da noite a vila de Hares para deter a estes 5 rapaces, compañeiros de secundaria. Esposados e cos ollos vendados foron trasladados a unha prisión israelita para adultos, no que é unha violación da Convención dos Dereitos d@ Nen@.

Tres semanas de torturas, denuncian familiares

Estes mozos foron arrestados polos soldados despois de que nunha estrada cercana a Hares un vehículo no que viaxaba unha familia colona sufrise un accidente a resultas do cal unha nena israelita resultou ferida de gravidade. Os cinco nenos palestinos foron acusados de ser responsábeis do sinistro por guindar pedras contra o vehículo. Eles negárono. Mais após tres semanas de incomunicación e illamento (familiares e avogados dos dereitos humanos denunciaron maos tratos, humillacións e torturas a estes mozos durante ese período), asinaron unha 'confesión'.

En Israel os menores acusados de guindar pedras, participar en barricadas, manifestacións... son xulgados por un tribunal militar

Ese documento é a principal proba da fiscalía israelí para pedir a cadea perpetua para estes rapaces. Unha petición que base na acusación para cada un deles de 20 intentos de homicidio. Un por cada pedra guindada.

Hai activada unha campaña internacional de solidariedade a apoio a estes rapaces. Entre outras cuestións, hai unha campaña de recollida de sinaturas.

Na actualidade hai perto de 200 nenos e nenas palestinas en prisións israelitas.