O cambio climático intensificou as inundacións en Europa Central tras as chuvias máis fortes "de lonxe" na rexión

A intensidade das chuvias incrementouse 20%.
Suba do nivel do río Vístula (Polonia) durante a tormenta 'Boris'. (Foto: Beata Zawrzel / Europa Press / Contacto)
photo_camera Suba do nivel do río Vístula (Polonia) durante a tormenta 'Boris'. (Foto: Beata Zawrzel / Europa Press / Contacto)

24 persoas perderon a vida nas inundacións este mes en Europa Central, que causaron danos xeneralizados en Romanía, Polonia, Chequia, Austria, Hungría, Eslovaquia e Alemaña. Esas chuvias torrenciais foron entre 7% e 20% máis intensas froito do cambio climático, converténdoas nas precipitacións “de lonxe” máis potentes rexistradas nesa área, sinala un estudo que transcendeu a cuarta feira de World Weather Attribution.

O texto subliña que o quecemento global, producido principalmente polo uso de combustíbeis fósiles, duplicou a probabilidade desas chuvias, que arrasaron pontes e anegaron múltiples localidades, provocando tamén cortes eléctricos masivos.

A investigación constatou que de aumentar aínda máis a temperatura en relación á era preindustrial as precipitacións serán máis fortes e, “en case todo o mundo ocorre que un pequeno aumento nas precipitacións conduce a un aumento de orde similar de magnitude nas inundacións”, afirmou a coautora do estudo e científica do Instituto Grantham de Londres, Frederike Otto.

Comentarios