Catalunya xa está preparada para votar

Veciñanza permanece desde a noite da sexta feira neste instituto para garantir que o 1-O poida ser colexio electoral. Imaxe de Dani Candal

Crónica desde Catalunya, tomando o pulso á situación na xornada previa ao referendo. Feche de campaña en Montjuïc, vixilias de veciñanza en colexios e institutos para garantir que o 1-O poidan ser colexios electorais e votar, mobilizacións do estudantado. Cóntannolo desde Barcelona, Antón F. Escuredo e Dani Candal.

Chegou o día de reflexión, vintecatro horas antes da xa histórica data do 1 de outubro, e a folla de ruta do goberno catalán segue intacta. A sensación é que a celebración da consulta é inevitábel malia as accións de todo tipo, algunhas de dubidosa legalidade, levadas a cabo pola Fiscalía española.Na sexta feira o independentismo pechou a súa campaña polo si cunha grande festa en Montjuïc, horas despois de que se presentaran en público as urnas do referendo. A Garda Civil, daquela, estaba a requisar outras nun intento de demostrar que a desarticulación da organización da consulta era efectiva, tal e como anunciara días antes Rajoy e difundiran con optimismo os medios de comunicación de Madrid.  

Primeira noite de vixilia

 

Logo das urnas, un dos puntos clave para o éxito do referendo estaba no lugar onde exercer o dereito a voto: os colexios electorais. Días atrás difundíanse consignas para acudir cedo  a mesma xornada do 1 de outubro para impedir que estes estiveran vixiados polas forzas de seguridade. O chamamento virou a ocupar os mesmos xa no remate das aulas a propia sexta feira e a manterse neles con actividades abertas á colectividade educativa.

 

A primeira hora da mañá visitamos o IES Miquel Tarradell, no Barrio do Raval, a escasos metros das Ramblas. Alí veciñas e vecinos levan horas ocupando pacíficamente o centro para impedir o seu precintado o propio domingo. Enterámonos polas redes sociais e aquí estaremos ata que poidamos votar, explica Eugénia que está a recibir a outros voluntarios e voluntarias que chegan para a quenda de hoxe. Faremos actividades todo o día, o importante é que o colexio electoral estea aberto á cidadanía. Mentras falamos chegan varios  Mossos, preguntan canta xente hai no interior do IES, toman nota e marchan. Ás 8 da mañá o Miquel Tarradell xa é un fervedoiro de xente. Algúns mesmo xa exerceron o seu dereito a voto no estranxeiro e viaxaron para estar aquí botando una man.

 

A escasos 500 metros deste centro, no edificio central da Universitat de Barcelona tamén hai outro peche. O estudantado leva días movilizado para reivindicar o dereito a decidir do pobo catalán. Na porta principal atopamos a Leonardo, un estudante de Químicas, que distribúe as papeletas oficiais para o referendo. Non valen as impresas de casa¨, explica ao tempo que atende a varias persoas que solicitan levalas para a xornada de mañá.

 

O día de reflexión está a ser una xornada de traballo, polo de agora sen incidentes importantes e á espera de ver como se desenvolven os acontecementos. A sensación desde a rúa é que está todo preparado para que o pobo decida.