China respondería a unha guerra comercial de Trump con menos compras de Iphones e encargas a Airbus

Donald Trump

Se a nova Administración norteamericana, tal e como prometeu Donald Trump en campaña, grava os produtos chineses cun arancel do 45 por cento, Beijing non ficará de brazos cruzados.

Un editorial do estatal The Global Times mostra até que ponto China toma moi a serio a perspectiva dunha guerra comercial entre os dous maiores PIB da economía mundial.

Na campaña Trump, para gañar o voto da clase traballadora branca danada polas deslocalizacións de multinacionais norteamericanas en México ou China, lanzou a proposta de que gravaria cun arancel do 45 por cento os produtos importados do vello imperio do centro.

Este anuncio xa foi matizado esta fin de semana por Paul Ryan, o chefe do Partido Republicano no Congreso. Ryan afirmou: “Non aranceis, non guerras comerciais”. Ryan está convicto de que os EUA “poderán traer para casa os postos de traballo [deslocalizados]” sen recorrer ás políticas tarifarias. O presidente eleito o que tentaría sería “voltar a facer América [polos EUA] competitiva” e sobre ese terreno Ryan considera que pode haber acordo entre os congresistas republicanos -moitos dos cales non apadriñaron o ascenso de Trump á candidatura do partido- e o novo inquilino da Casa Branca.

Ryan está convicto de que os EUA “poderán traer para casa os postos de traballo [deslocalizados]” sen recorrer ás políticas tarifarias

Beijing non se fía e advirte nun duro editorial de The Global Times que están dispostos a responder a unha hipotética guerra comercial. O meio de propriedade estatal cualifica Trump de “naif” por amagar coa imposición de altos aranceis aos produtos chineses. “Se Trump abanear o comercio chinés-norteamericano, un feixe de industrias estadounidenses hase de ver prexudicadas. Finalmente, o novo presidente será condenado pola súa imprudencia, ignorancia e incompetencia”, editorializa The Global Times.

Retórica á marxe, China alerta os EUA das secuelas concretas que irían decorrer dun combate comercial entre as dúas potencias: “Os encargos de Boeing [avións de fabricación estadounidense] serán substituídas por Airbus [produción europea]. A venda de carros dos EUA e de iPhone en China sufrirán un revés e cesarán as importacións de soxa e millo. China tamén pode limitar o número de estudantes chineses a estudaren nos EUA”, di o meio público. E acrecenta: “Pór en dificuldades a China politicamente tampouco lle vai facer ben [a Trump]”.