O Colexio Eleitoral confirma a vitoria de Trump, con menos desercións nas súas bancadas que Clinton

Trump

A campaña para as e os compromisarios republicanos virasen as costas a Trump fracasou con estrépito. O republicano termou máis do seu voto do que a candidata demócrata. Os 538 membros do Colexio Eleitoral selaron o triunfo do presidente eleito por 304 a 227.

O Colexio Eleitoral votou esta segunda feira e confirmou a vitoria de Trump nas eleccións do 8N. Só 2 das e dos compromisarios republicanos non apoiaron o seu candidato. Os outros 304 si que o fixeron, a ultrapasar con moito o limiar de 270 preciso para ser investido como presidente. Clinton obtivo 227 votos e as fugas no seu campo foron maiores que as sofridas polo seu rival (partía de 232).

Os dous compromisarios republicanos que non respaldaron Trump, basicamente por o considerar demasiado ultra, son texanos e votaron por outros dirixentes do seu partido, en concreto o gobernador de Ohio John Kasich e o congresista Ron Paul, falido aspirante á nominación presidencial en múltiples ocasións.

A presión sobre as e os delegados do Partido Republicano para lle pór a proa á nominación de Trump foi moi notoria nas últimas semanas, basicamente con dous argumentos. O primeiro, o de que o magnate racha cos consensos básicos da política estadounidense. O segundo, que en voto popular ficou 2,9 millóns de votos por debaixo de Clinton. A xulgar polos resultados, a campaña non fixo efeito.

No campo demócrata houbo certo caos e afastamentos do que na cultura política europea chamaríamos disciplina de voto. Até en cinco Estados rexistáronse intentos, en catro casos consumados, de votar persoas distintas de Clinton. Tres demócratas de Washington votaron o republicano Colin Powell, a primeira vez na historia que membros do Colexio Eleitoral apoian un candidato do partido rival, mentres que un eleitor de Hawaii se decantou por Bernie Sanders, para evidenciar que unha parte considerábel da formación demócrata devece por un xiro á esquerda. Nalgúns dos casos os eleitores foron substituídos por representantes oficiais do seu Estado pola súa vontade de non se ateren ao mandato das votantes e dos votantes da súa circunscrición (o debate sobre se os compromisarios teñen liberdade de voto ou se deben respeitar o sentido de voto expresado nas urnas é moi intenso en termos políticos e xurídicos e está moi lonxe de ser ter resolvido). Aliás, un compromisario de Maine, que en principio tiña riscado o nome de Sanders na papeleta, finalmente foi persuadido para mudar o sentido do seu voto a prol de Clinton.

Compromisarios demócratas votaron polo republicano Colin Powell e dous delegados da formación de Clinton mostraron a súa preferencia por Bernie Sanders

En 29 dos Estados dos EUA as e os compromisarios están obrigados por lei a votar a persoa que foi eleita polas cidadáns e cidadás do seu territorio. No resto existe liberdade de voto.

Ultrapasado este trámite coa clara vitoria de Trump -triunfo que pon ao nú que o presidente eleito goza en realidade dun apoio fechado por parte do seu partido- fican aínda por diante dous actos de carácter protocolario: a proclamación oficial dos resultados por parte do Congreso o próximo 6 de xaneiro e a toma de posesión o 20X.

O fechamento de filas no Partido Republicano arredor de Trump prodúcese após desde a Casa Branca e o aparato do Partido Demócrata -mais tamén desde a propia CIA, nunha filtración a The Washington Post- ter alimentado a tese de as eleccións do 8N teren sido interferidas por hackers ao servizo de Putin, piratas informáticos que terían traballado para boicotar a campaña de Clinton.