Colombia aproba a prohibición das touradas

Activistas celebran a prohibición das touradas (Foto: Congreso de Colombia).
A decisión do corpo lexislativo no seu último debate sobre a iniciativa foi celebrada polo presidente colombiano, Gustavo Petro, quen felicitou a "quen por fin lograron que non sexa un espectáculo a morte". 

A Cámara de Representantes de Colombia vén de aprobar o proxecto que prohibe as corridas de touros en todo o Estado. A decisión do corpo lexislativo no seu último debate sobre a iniciativa foi celebrada polo presidente colombiano, Gustavo Petro, quen felicitou a "quen por fin lograron que non sexa un espectáculo a morte". 

O mandatario pronunciouse desde as redes sociais apenas cando se coñeceu a aprobación do proxecto que prohibe non só as corridas de touros, senón tamén outras actividades relacionadas á tauromaquia.

A votación no pleno do Parlamento resultou con 93 votos positivos e só dous en contra. Agora a lei pasará a conciliación porque os textos aprobados no Senado e na Cámara son diferentes. De concretarse ese trámite, o proxecto quedará en mans do Poder Executivo para a súa posta en marcha definitiva.

"Quen se divirten coa morte de animais terminarán divertíndose coa morte de seres humanos, como os que queiman libros terminarán queimando seres humanos", analizou o presidente de Colombia sobre o espectáculo das touradas.

Animal que sinte

Pola súa parte, a lexisladora María Fernanda Carrascal Rojas (Partido Colombia Humana), coautora do proxecto de lei, lembrou que "a Corte Constitucional considera que as corridas de touros só se poden facer en municipios onde son tradición ininterrompida e só en época de festividade", algo que ocorre de maneira esporádica e "non é decisivo para a economía desas rexións nin para o país". Así mesmo, lembrou que non existe unha medición oficial dos ingresos xerados neses municipios, e que "como todo ser vivo, o touro é un animal que sinte".

Tamén celebrou o avance da normativa Alejo García Ríos, representante do Partido Verde: "Este proxecto caeuse 14 veces e hoxe podemos dicir que é real e que valeu a pena", sinalou.

O documento presentado en 2023 contempla ademais a transformación das prazas de touros en espazos culturais e a ocupación laboral das persoas que subsisten da cultura taurina. Para este proceso, estabelece un período de tres anos.

O proxecto causou controversia entre o sector dos traballadores e traballadoras relacionadas con esta actividade e os grupos animalistas, que reclamaban a súa aprobación. "Hoxe miles de familias quedan sen emprego, hoxe deixan sen traballo a miles de persoas que nin sequera identificaron", sinalou a representante Ana Rogelia Monsalve, do partido Demócrata Colombiano.​

A partir da sanción da lei, o Goberno de Colombia deberá resolver sobre o futuro dos estabelecementos, que deberán ser readaptados. O Executivo tamén deberá tomar decisións de cara ao futuro dos animais, así como das familias que resultarán afectadas nos seus ingresos pola prohibición desta actividade.