Colombia rexeita en referendo o acordo de paz coas FARC

Referendo Colombia

O bloco direitista encabezado polo ex presidente Uribe conseguiu o seu obxectivo. A abstención foi masiva, o 60 por cento. O non gañou por apenas cinco décimas.

O 50,2 por cento das persoas que foron votar emitiron un sufraxio contrario ao acordo de paz asinado polo goberno de Santos e a comandancia das FARC. O 49,7 respaldouno.

Santos declarou que o acordo de cesar o fogo bilateral continúa vixente, mais a incerteza é agora absoluta a respeito do que poda deparar o futuro. O escenario máis probábel é que as partes se dean un tempo de reflexión para reabrir a meio prazo a mesa negociadora.

O voto urbano foi decisivo na derrota do SI, amplamente masivo nas zonas rurais, as máis machucadas polo confronto bélico que vive o país desde hai cinco décadas.

“Unha nova realidade”

O presidente, nunha alocución na cadea nacional, dixo que era “o primeiro” en recoñecer o resultado do referendo, indicando que o resultado non debe afectar “a estabilidade” do país. Anunciou que convocará todas as forzas políticas, “e en particular as que se manifestaron polo 'non', para escoitalas, abrir espazos de diálogo e determinar o camiño a seguir.

Timochenko: “As FARC queren a paz”

Timoleón Jiménez, 'Timochenko', un dos líderes das FARC afirmou desde A Habana, unha vez coñecidos os resultados, que a organización mantén “a súa vontade de paz” e a súa “disposición de usar unicamente a palabra como arma de construción cara ao futuro”. Nesta liña, dixo que as FARC “lamentan profundamente” que “o poder destrutivo dos que sementan xenreira e rencor influíse na opinión da poboación”.

Após esta primeira reflexión a guerrilla ten previsto manter unha xuntanza para “analizar con calma todos os detalles” do resultado da consulta. “Con este resultado o noso reto é aínda máis grande”, afirmou Timochenko.