Como mínimo 15 persoas falecen nas inundacións en Europa Central pola tormenta 'Boris'

Inundacións en Wroclaw. (Foto: Krzysztof Zatycki / Europa Press / Contacto)
Agárdase que se expandan até a cuarta feira.

A última actualización a segunda feira de vítimas elevou a 15 a cifra de mortes no centro de Europa polas inundacións causadas pola tormenta Boris durante a fin de semana. Romanía, Polonia, Austria e Chequia foron os países máis afectados pola treboada, que deixou baixo a auga ao desbordarse os ríos localidades como Slobozia Conachi (Romanía), Litovel ou Opava (Chequia).

O díxito de falecementos podería aumentar, ao permanecer sete persoas desaparecidas en Chequia, sinalaron as autoridades locais. Amais da morte corroborada no país, cinco persoas perderon a vida en Polonia, tres en Austria, entre elas un bombeiro durante unha operación de rescate, e seis en Romanía.

As que o portal Balkan Insight cualificou das “peores inundacións en décadas” obrigaron a evacuar milleiros de persoas e arrasaron ao seu paso con varias pontes. En Polonia as autoridades fecharon 420 escolas en catro provincias, e no suroeste foi evacuado un hospital, mentres que na rexión múltiples fábricas suspenderon a súa produción.

Xa en Chequia, case 120.000 persoas estaban a segunda sen electricidade após unha apagada a fin de semana que deixou nun primeiro momento sen servizo arredor de 250.000 persoas, e as inundacións obrigaron a fechar escolas e instalacións sanitarias en Litovel. Arredor de 100 puntos foron declarados como de alerta máxima por inundacións no país.

Así e todo, ao tempo que nalgunhas áreas, como nos lindes entre Chequia e Polonia, xa comezaron as tarefas de limpeza e a cuantificación dos danos materiais, noutras se multiplica a preparación ante a chegada das inundacións. En Wroclaw (Polonia), que supera os 650.000 habitantes, agardan que a cuarta feira o río Oder alcance o seu cénit.

Asemade, o chanceler alemán, Olaf Scholz, advertiu que “o nivel da auga tamén está a aumentar” e “ameaza persoas, animais e fogares”. En paralelo, están baixo alerta Eslovaquia e Hungría. Budapest subliñou que 12.000 militares estaban preparados e que loitaba para evitar o reborde do río Danubio e os seus afluentes.

Os partes meteorolóxicos indicaban que onte sería a última xornada de precipitacións sobre Polonia e Chequia da tormenta Boris.

Os fenómenos meteorolóxicos extremos teñen unha periodicidade cada vez máis baixa e unha intensidade maior por mor do aumento global da temperatura relacionado co cambio climático, producido na súa meirande parte polo uso de 
combustíbeis fósiles.