O comunista Dissanayake toma posesión como novo presidente de Sri Lanka

A ultradereita non logra superar o SPD en Brandeburgo.
Anura Kumara Dissanayake. (Foto: Gayan Sameera / Europa Press / Contacto)
photo_camera Anura Kumara Dissanayake. (Foto: Gayan Sameera / Europa Press / Contacto)

Esta segunda feira tomou posesión como novo presidente da República Socialista Democrática de Sri Lanka o comunista Anura Kumara Dissanayake, que encabeza a Fronte Popular de Liberación, tras imporse nos comicios do sábado, os primeiros logo das protestas masivas en 2022 que levaron á fuxida do daquela mandatario, 
Gotabaya Rajapaksa
.

Dissanayake impúxose con case 56% das papeletas no segundo reconto ao conservador Sajith Premadasa, que ficou con 44,1%, moi por diante do xa ex presidente Ranil Wickremesinghe.

No país, en cada voto elíxense tres opcións ordenadas. No caso de que ningunha candidatura alcance no primeiro reconto a maioría absoluta (Dissanayake logrou 42%), faise un novo reconto sumando as segundas preferencias dirixidas aos dous candidatos máis votados, e se for preciso un terceiro coas terceiras preferencias.

O mandatario prometeu unha “revolución política” para mellorar a calidade de vida do pobo.

Brandeburgo

Ao tempo, no Estado alemán de Brandeburgo, a repunta nos últimos días de campaña do Partido Socialdemócrata (SPD) permitiulle superar a ultradereita de Alternativa para Alemaña (AfD) nas eleccións do domingo por 30,9% a 29,2% dos sufraxios, mantendo a primeira praza. Ademais dos 32 asentos logrados polo SPD e os 30 de AfD, a Alianza Sahra Wagenknecht-Razón e Xustiza (BSW) fíxose con 13,5% e 14 postos e a Unión Demócrata Cristiá (CDU) con 12% e 12 escanos.

Os outros membros da coalición de Goberno en Berlín liderada polo SPD, os Verdes e o Partido Demócrata Libre (FDP), non obtiveron representación.

Comentarios