O concello de Barcelona non recoñece a independencia, mais si a lexitimidade do Govern

O Govern de Puigdemont é o executivo lexítimo de Catalunya embora ter sido destituído a pasada sexta feira por un decreto do Goberno español. Así o proclama o pleno do concello de Barcelona.

Os comúns continúan a xogar a baza centrista na política catalá. No momento de maior conflito entre as autoridades españolas e as institucións catalás, a equipa de Ada Colau di non á declaración de independencia, mais si ao recoñecimento do Govern de Puigdemont como o goberno lexítimo de Catalunya.

 

O debate xirou arredor de dúas mocións, unha apresentada por ERC en defensa do recoñecimento da lexitimidade do Govern destituído e do Parlament disolvido- e outra formulada pola CUP a demandar o respaldo do concello á DUI.

 

A primeira foi aprobada cos votos de Barcelona en Comú, ERC, PDeCAT e a CUP, en canto que a segunda foi rexeitada ao ser votada en contra pola formación liderada por Colau.

 

O bloco unionista votou contra as dúas mocións.

 

A portavoz da CUP, María José Lecha, demandou Colau que abandone a equidistancia: "Ou colócase acarón do opresor ou acarón do oprimido".

 

Gerardo Pissarello, número dous de Colau, xustificou o voto contrario ao recoñecimento da DUI porque a República carece neste momento de "bases sólidas" e non pasa de ser un "estado mental".