Confírmanse como mínimo 174 falecementos nas protestas estudantís en Bangladesh

Protestas en Dacca, a capital de Bangladesh, a pasada semana. (Foto: Habibur Rahman / Europa Press / Contacto)
Máis de 2.500 persoas foron detidas durante as mobilizacións deste mes.

Os balances coas cifras de vítimas na represión das protestas en Bangladesh recompilados a terza feira pola axencia AFP amosan que como mínimo 174 persoas morreron no marco das mobilizacións impulsadas polo estudantado este mes, entre eles varios axentes policiais, contra o estabelecemento dun sistema de cotas avalado pola Xustiza que destinaba 30% dos empregos públicos a descendentes das persoas que combateron pola independencia, nun movemento que permitiu a secesión de Paquistán en 1971.

A pesar de que o Tribunal Supremo invalidou con posterioridade a medida, limitando a 5% esta cota e cedendo 93% das posicións para a súa elección en base a méritos, prevese que as manifestacións continúen tras a suspensión 48 horas das protestas por parte do estudantado para intentar frear a violencia.

A iniciativa, que supón a principal crise da primeira ministra Sheikh Hasina nos 15 anos que leva no poder, derivou na despregadura dos militares, a imposición do toque de recoller, a suspensión dos servizos de telecomunicacións e a detención de máis de 2.500 persoas.