Catalunya

O Congreso cita Raxoi pola 'Operación Cataluña': estes son os outros nomes que acudirán á Comisión de Investigación

Mariano Raxoi, hoxe, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A comisión de investigación, que se constituíu o pasado mes de febreiro mais aínda non empezara a andar, terá que pedir formalmente unha prórroga para poder seguir activa e a previsión é que siga aberta, polo menos até o próximo mes de febreiro.

A comisión do Congreso español encargada de investigar a chamada 'Operación Catalunya' acordou esta quinta feira a listaxe de vinte comparecentes aos que vai citar a partir do próximo 15 de outubro. Os primeiros serán o ex secretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez e o ex director adxunto operativo da Policía (DAO), Eugenio Pino, e os últimos o ex presidente do Goberno estatal Mariano Raxoi, o ex president da Generalitat catalá Artur Mas e o ex presidente de ERC Oriol Junqueras.

A listaxe aprobada inclúe tamén o ex deputado converxente e ex alcalde de Barcelona, Xavier Trias, outro dos prexudicados polas noticias falsas atribuídas á chamada 'policía patriótica' que impulsou aquela 'operación Catalunya' contra os líderes do proceso independentista.

A comisión de investigación, que se constituíu o pasado mes de febreiro mais aínda non empezara a andar, terá que pedir formalmente unha prórroga para poder seguir activa e a previsión é que siga aberta, polo menos até o próximo mes de febreiro. Segundo precisaron fontes parlamentarias, a intención é que cada grupo teña un tempo máximo de 10 minutos para interrogar os comparecentes.

Sáenz de Santamaría e Fernández Díaz

Entre os futuros comparecentes figuran tamén o doutros membros do Goberno de Mariano Raxoi, cuxa presenza solicitaran varios grupos. É o caso da ex vicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría; a ex secretaria xeral do PP e ex ministra María Dolores de Cospedal; o ex ministro de Interior Jorge Fernández Díaz, o seu secretario de Estado Francisco Martínez e o ex director xeral da Policía Ignacio Cosidó, que xa compareceron a primeira vez que se investigou no Congreso ás chamadas 'cloacas' de Interior.

Tamén serán chamados a agora deputada do PP na Asemblea de Madrid, Alicia Sánchez Camacho; o ex ministro de Facenda Cristóbal Montoro; e quen fóra secretario da Comisión de Prevención do Branqueo do Branqueo de Capitais e infraccións monetarias do Tesouro Público, Juan Manuel Vega Serrano.

A listaxe de comparecentes inclúe tamén os nomes de varios dos policías aínda en activo ou xa retirados que xa compareceron en distintas comisións de investigación parlamentarias nos últimos anos, como Marcelino Martín Blas e Eugenio Pino.

Policías, mais non Villarejo

Quen non figura esta vez é o ex comisario José Manuel Villarejo, cuxa presenza si demandaran ERC, Junts, Bildu e Podemos. E tampouco está Rafael Redondo Rodríguez, que foi socio de Villarejo na empresa CENYT e que o PSOE si incluíra na súa listaxe inicial de comparecentes o pasado mes de marzo.

Ademais, para tentar aclarar a 'trama andorrana' da 'Operación Catalunya', os grupos propoñen a comparecencia de quen foi agregado de Interior na embaixada española no Principado, Celestino Barroso, así como de Higini Cierco, que foi presidente da Banca Privada de Andorra, e de Joan Pau Miquel, da mesma entidade. A listaxe complétase cos xornalistas cataláns Quico Sallés Fibla, Maika Navarro e Agustí Carles Garau, e o avogado vinculado ao colectivo catalán de xuristas Drets Agustí Carles Garau.