O Congreso dos EUA debate que os algoritmos sexan opcionais nas plataformas dixitais

Marck Zuckerberg nunha presentación do Facebook

A proposta conta co apoio dos congresistas demócratas e republicanos mais é improbábel que se tramite.

Un grupo de lexisladores do Congreso dos Estados Unidos presentou un proxecto de lei que obrigaría as plataformas a ofrecer aos usuarios a opción de se negar a someterse a algoritmos de personalización que determinen o contido que ven alí.

A resolución, que conta co apoio dos congresistas dos partidos Demócrata e Republicano, chega poucas semanas despois da publicación dos "Papeis de Facebook", filtracións que detallaban os efectos nocivos dos algoritmos que rexen a plataforma Mark Zuckerberg.

Os documentos parecen confirmar as sospeitas dos críticos da plataforma, que a acusaron de xerar adicción, invadir a privacidade dos usuarios e empurralos cara ao extremismo.

En outubro pasado, os lexisladores demócratas presentaron un proxecto de lei que eliminaría algunhas das proteccións legais das que gozan as plataformas dixitais.

A proposta buscaba modificar a lexislación vixente dos Estados Unidos, segundo a cal as redes sociais como Facebook non poden ser denunciadas polos contidos que ofrecen aos usuarios sempre que fosen escollidos por un algoritmo.

En declaracións a Axios, o congresista demócrata do estado de Rhode Island, David Cicilline, dixo: "Facebook e outras plataformas manipulan os usuarios mediante algoritmos que priorizan os beneficios da compañía sobre calquera outra consideración. O poder monopolístico destas plataformas deixa aos usuarios poucas alternativas a este modelo de explotación, xa sexa nas redes sociais, na publicidade personalizada ou nos seus resultados de busca” en portais como Google.

Ken Buck, colega republicano de Cicilline no Congreso, engadiu que "os usuarios deberían poder usar plataformas dixitais sen ser manipulados por algoritmos secretos".

Malia o apoio dos representantes dos dous grandes partidos estadounidenses, o futuro da proposta segue sendo incerto. O calendario lexislativo do Congreso dos Estados Unidos é moi axustado, e o elevado número de propostas que quedan por aprobar antes de que remate o ano non garante que todas poidan ser tramitadas.