A CUP pede a súa demisión

Un 'conseller' do Govern di que "probabelmente non poderemos facer o referendo"

Jordi Baiget [Foto: NacióDigital]

Primeiros sinais de dúbidas no seo da fortaleza soberanista sobre a convocatoria do referendo autodeterminista para o 1 de Outubro. O conselleiro de Empresa e Coñecimento dá por suposto que a consulta será suspendida polo Tribunal Constitucional e que ese escenario tornará imposíbel a realización do referendo. "Probabelmente non poderemos facer o referendo e teremos de facer unha cousa distinta", dixo. Que cousa? Talvez unha réplica do 9N, a consulta independentista formalmente organizada por unha rede de voluntarios en novembro de 2014.

Militante do Partit Demòcrata, a antiga Convergència, Jordi Baiget é o primeiro membro do Govern presidido por Carles Puigdemont que pon abertamente en dúbida a realización do referendo do 1 de outubro, unha consulta que en teoría debería producir efeitos xurídicos por estar organizada polas institucións de autogoberno catalás.

 

Iso é o que precisamente tenciona impedir o Goberno do Estado, a realización dunha consulta legal en Catalunya, un referendo formalmente convocado como tal e non como aconteceu o 9N de 2014, cando a Generalitat delegou en aparencia a organización do dispositivo eleitoral nunha rede de voluntarios.

 

O que tenciona impedir o Estado é que o 1-O se realice unha consulta formalmente baixo convocatoria da Generalitat e que poda producir efeitos xurídicos

 

Lonxe de calquera chiscadela á insubmisión, Baiget dá por suposto que o TC decretará a suspensión do referendo e que o Govern non terá máis remedio que acatar a legalidade. española. "Vaise aprobar unha norma legal catalá para que [o referendo] se poida facer?", pergúntase nunha entrevista con El Punt Avui, "si, mais no minuto 1 virá a suspensión", respóndese a si propio o dirixente do Partit Demòcrata.

 

Baiget teme as consecuencias coercitivas que poderían resultar para os membros do Govern dunha desobediencia a unha eventual sentenza de suspensión por parte do TC. "Ir á prisión? Eu podería aturar o de ir a prisión, mais non se van contra o [meu] patrimonio. Pensemos na familia... as nosas decisións poden atinxir as nosas familias".

 

Baiget, disposto a aturar "ir a prisión" mais non que vaian "contra o patrimonio" del e da súa familia

 

Que facer entón? Perante a perspectiva de o Estado ir con todo contra o soberanismo, o que cabería sería "facer algunha cousa diferente, e algunha cousa diferente se podería asemellar a un 9N".

 

CUP pide a súa demisión

 

Os parlamentares da Candidatura d'Unitat Popular Mireia Boya i Benet Salellas reaxiron axiña a estas declaracións e reclamaron a demisión de Baiget, mentres que ERC -que partilla o Govern co PD- optou por unha liña máis contemporizadora, embora deixou claro non partillar os temores do conseller. "Ter medo é moi lícito, mais non nos debe frear", dixo a este respeito o portavoz republicano Sergi Sabrià.