A convocatoria do referendo do 1-O será asinada por todos os membros do Govern

Un momento da recente apresentación da Lei de Transitoriedade e Fundacional da República catalá

JxSí (ERC máis o Partit Demòcrata) e a CUP acordaron que a convocatoria do referendo do 1-O se realizará a próxima semana. Será asinada por todos os integrantes do Govern, unha decisión que pon todos os referentes políticos do independentismo no albo xudicial do Estado, mais que atinxe fundamentalmente o líder de ERC e vicepresident, Oriol Junqueras. Puigdemont reiterou esta semana que non será candidato.

Quen asine a convocatoria do referendo podería ser inhabilitado e, portanto, podería ser excluído das próximas eleccións ao Parlament. Esta cuestión ten pairado constantemente sobre os distintos referentes do procés. Puigdemont hai meses que se ten desbotado da carreira. Oriol Junqueras, líder da marca que encabeza comodamente os inquéritos, si que se perfilaría como candidato de ERC nunhas eventuais eleccións. Sería, pois, o que máis tería que perder de se consumar a ofensiva unionista desde os aparatos do Estado.

 

Xa en marzo pasado, Junqueras asumía o risco que corría ao asinar conxuntamente o decreto de convocatoria. "Se gañamos o referendo, non se inhabilitará ninguén. E se o perdemos e me inhabilitan, pois estaría inhabilitado", dixo. Decisións dos aparatos xudiciais do Estado español xa teñen inhabilitado dirixentes políticos soberanistas como Artur Mas e Arnaldo Otegi.

 

Segundo informa NacioDigital, JxSí e a CUP xa terían pactado o calendario da convocatoria. Sería a próxima semana. Primeiro o Parlament daría luz verde ás chamadas leis de desconexión, a do referendo e a da transitoriedade xurídica e fundacional da República. Unha vez que a Cámara lles dese o visto bon -o que podería vir a acontecer as próximas terza ou cuarta feira-, o Govern convocaría a consulta vinculante.

 

O decreto de convocatoria publicaríase, pois, os días 6 ou 7 de setembro no Diario Oficial da Generalitat de Catalunya e sería asinado por todas e cada unha das persoas que integran o goberno que lideran Puigdemont e Junqueras como presidente e vicepresidente, respectivamente. 

 

O que aínda non está decidido é como se vai sustanciar a aprobación das leis de desconexión. Hai dous cenarios alternativos sobre a mesa. O primeiro, a activación do artigo 81.3 do regulamento do Parlament que permite a alteración da orde do día da cámara para introducir un ponto a debate inicialmente non axendado. O segundo, a aprobación vía decreto lei do Govern. En calquera dos dous casos, a lei de referendo tería de ser aprobada polo Parlament antes de os membros do executivo catalán estamparen a súa asinatura no referendo de convocatoria.

 

Unha vez se aprobar a lei do referendo, o Estado activará o seu contra-ataque cun recurso perante o Tribunal Constitucional que vise a suspensión da consulta. Nunha entrevista en Facebook, Carles Puigdemont admitiu implicitamente que Madrid ten capacidade de anular legalmente a votación. Mais alegou que mesmo en tal caso haberá urnas e a xente acudirá a votar.

 

Escaramuza parlamentar e Catalunya si que es Pot acarón de Cs-PP-PSC

 

O control dos tempos vira estratéxico neste momento. O bloco independentista cociña as leis de desconexión -e o decreto de convocatoria- para os aprobar nas vésperas dunha Diada que precisa máis masiva do que nunca nas vésperas do 1-O. Esa é a razón pola que a Mesa do Parlament, liderada pola soberanista Carme Forcarell, optou esta cuarta feira por adiar a admisión a trámite dos textos legais rupturistas. Cs, PP e PSC cuestionaron que a presidenta da cámara puidese facer tal cousa e, co apoio de Catalunya si que es Pot, demandaron un informe ao respeito aos servizos xurídicos da cámara.