O líder laborista desbota demitir

80 por cento das e dos deputados laboristas rexeitan o liderado de Corbyn

Corbyn, no congreso do seu partido

Un total de 172 deputados laboristas votaron contra Corbyn por só 40 que o fixeron a favor. O líder do Partido Laborista non renuncia porque se sente lexitimado polo apoio das bases

Jeremy Corbyn perdeu a moción de censura á que foi sometido polo grupo parlamentar do partido que lidera, o Laborista, nunha derrota que estaba máis que prevista. O grupo na Cámara británica fixo de contra-poder a Corbyn desde o minuto un en que este pacifista e vexetariano foi eleito líder laborista en setembro pasado. As bases e sindicatos apostaron en Corbyn para un xiro á esquerda na política da formación, algo que o grupo parlamentar laborista -controlado polo sector blairista do poartido- nunca viu con bos ollos.

Jeremy Corbyn perdeu, pois, a moción de confianza non vinculante á que o someteu o seu grupo parlamentario, ante as críticas pola súa morna defensa da UE na campaña do 'Brexit'. Un total de 172 deputados laboristas votaron en contra del por só 40 dque lle deron o apoio. Desde o domingo, varios membros do seu equipo renunciaron ao seu posto para tratar de forzar a súa marcha, despois de dez meses á fronte da formación.

Ao non ser vinculante, Corbyn non está obrigado a demitir. Nos últimos días amosou a súa vontade de se manter no posto independentemente do resultado da moción, argumentando que foi eleito polas bases do Partido Laborista e que os cargos da formación non son quen para reverter unha decisión da militancia.

No sistema político británico existe unha figura, a da moción de confianza (no confidence motion) que non é só un mecanismo de fiscalización ao goberno, senón que se utiliza tamén dentro do Parlamento para que cada bancada poda controlar o seu propio líder. Esa moción é a que utilizaron os críticos visando forzar a renuncia de Corbyn.

Corbyn sempre estivo en minoría entre os MPs (members of parliament) do Partido Laborista, mais agora a súa soidade é absoluta. Só o 20% dos parlamentares o apoian. O último voto de confianza dun grupo político contra o seu líder -o tory Ian Duncan Smith- acabou coa renuncia deste. Non parece que este vaia ser o caso de Corbyn.

Corbyn afirma que "o voto de hoxe dos parlamentares non ten lexitimidade constitucional"

Aliñado co sector máis á esquerda do Partido Laborista, o líder da formación socialdemócrata séntese respaldado polas bases do Labour e, nun comunicado feito público ao pouco de perder a moción de confianza, expresaba a súa determinación de continuar no cargo. "Eu fun democraticamente eleito líder do noso partido para facer unhas políticas distintas polo 60% dos militantes e apoiantes do Labour e non os vou traizoar agora apresentando a miña demisión. O voto de hoxe dos parlamentares non ten lexitimidade constitucional", afirmou.

O detonante da rebelión parlamentar é a posición de Corbyn na recente campaña sobre o referendo arredor da continuidade do Reino Unido na UE. Os críticos do líder laborista acúsano de non ter sido capaz de mobilizar o eleitorado do partido a favor do Bremain, da permanencia. Repróchanlle pouco entusiasmo europeísta e lembran que no referendo anterior, en 1975, Corbyn votou pola saída do Reino Unido do daquela Mercado Común Europeu.

No comunicado feito público hoxe, Corbyn retruca aos seus críticos sob o seu liderado o pasado mes o Partido Laborista conseguiu tornarse no "primeiro partido nas eleccións municipais", ao tempo que se gabou de que "dous terzos dos apoiantes laboristas respaldaron a nosa chamada a prol da permanencia na UE", mentres que no país se impuña a maioría pro-brexit por unha "estreita maioría".