Covid-19: A EMA estuda autorizar un novo antiviral de Pfizer

Xiringas coa vacina de Pfizer. (Foto: Europa Press)
A Axencia Europea do Medicamento (EMA) explicou que revisa o fármaco Paxlovid, un tratamento oral fronte ao coronavirus da farmacéutica Pfizer, que xa distribúe unha das vacinas máis inoculadas na Galiza.

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) confirmou esta sexta feira que está a realizar estudos do antiviral Paxlovid, un tratamento oral contra a Covid-19 creado pola compañía Pfizer, para decidir se autoriza a súa distribución en casos puntuais previos á comercialización normalizada.

O organismo informou deste paso nun comunicado, no que aclara que ten en marcha esta investigación de cara a que as autoridades dos diferentes estados poidan decidir, despois, sobre o seu uso fronte ao coronavirus, por exemplo en situacións de uso de emerxencia, antes da autorización de comercialización oficial do fármaco.

As e os expertos do Comité de Medicamentos de Uso Humano da axencia examinará os datos dun estudo no que se compara o efecto de Paxlovid co dun tratamento ficticio (placebo) en pacientes non hospitalizados coa infección polo virus de leve a moderada que presentaban un alto risco de evolucionar cara a unha enfermidade grave.

Os resultados preliminares indican que o remedio reduce o risco de hospitalización ou morte en comparación co placebo

Se ben está previsto que principie unha revisión continua máis exhaustiva antes dunha posíbel solicitude de autorización para comercializar o medicamento de forma regular, esta revisión "proporcionará recomendacións para toda a UE no prazo máis breve posíbel". 

Deste modo, explica a EMA, poderán "ser utilizadas polas autoridades nacionais que desexen tomar decisións baseadas en probas sobre o uso temperán do medicamento".

Segundo o mesmo escrito, Paxlovid é un medicamento antiviral oral que reduce a capacidade do SARS-CoV-2 -o virus que causa a Covid-19- para multiplicarse no organismo.

Os resultados preliminares indican que o remedio fabricado pola farmacéutica Pfizer -que está detrás de boa parte das vacinas que se puxeron no país- reduce o risco de hospitalización ou morte en comparación co placebo cando o tratamento administrouse nos 3 ou 5 días seguintes ao comezo dos síntomas. O comité tamén vai revisar datos sobre a calidade e seguridade do medicamento.