Crise diplomática coa Arxentina? O ministro Albares ameaza con romper relacións tras o encontrón con Milei

O presidente arxentino, Javier Milei, nun acto organizado polo partido ultradereitista Vox este domingo en Madrid. (Foto: David Canales / Contacto / Europa Press)
"Esperamos esas desculpas, e en adiante imos actuar en consecuencia se non as hai", dixo Albares, mentres desde o Goberno arxentino aseguran que esa rectificación non chegará porque "non corresponde".

De "corrupta" cualificou este domingo o presidente da Arxentina, Javier Milei, a Begoña Gómez, muller do seu homólogo español, Pedro Sánchez, durante un acto organizado polo partido ultradereitista Vox en Madrid. Milei, que non aproveitou a súa viaxe ao Estado español para se reunir coas principais autoridades, arremeteu tamén contra o PSOE e a ideoloxía socialista, que acusou de levar "á escravitude ou a morte".

"Non saben que tipo de sociedade e país pode producir o socialismo, que calaña de xente aparafusada no poder e que niveis de abuso pode chegar a xerar. Aínda cando teña a muller corrupta, digamos ensucia, e tome cinco días para pensalo", dixo Milei. Unhas palabras que non sentaron nada ben en Moncloa, que chamou o embaixador arxentino, Roberto Bosch, a consultas na mañá desta segunda feira.

No encontro, o ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, exixiralle a Bosch "desculpas públicas" por parte do seu país. E, de non chegar esa rectificación ante o que considera un "ataque" e unha "inxerencia" na política interna española, Albares non descarta ir máis alá e romper relacións coa Arxentina. "Esperamos esas desculpas, e en adiante imos actuar en consecuencia se non as hai", asegurou, nunha entrevista concedida á Cadena SER.

O ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, este domingo, en rolda de prensa. (Foto: Moncloa)

Unhas desculpas, porén, que non parece que vaian chegar. Este domingo o ministro do Interior arxentino, Guillermo Francos, dixo que Milei non ten por que pedir perdón polas súas palabras: "Poden esperar tranquilos, que non vai haber desculpa. Non sei por que tanta ofensa. Non sinto que deba pedir desculpas. Non corresponde".

E, neste sentido, Francos lembrou as recentes palabras do ministro de Transportes español, Óscar Puente, deixando entrever que Milei "consome substancias", un incidente polo que Arxentina si exixiu desculpas ao Goberno de Sánchez. "Non sei se o Goberno español debería interromper as súas relacións diplomáticas con Arxentina, non ten ningún sentido. En todo caso, trátase dun cruzamento entre dous presidentes que teñen simpatía", matizou.

As polémicas declaracións de Javier Milei chegaron tamén a oídos da Unión Europea, cuxo Alto Representante para a Política Exterior, o ex ministro español Josep Borrell, condenou o "ataque" contra a muller de Sánchez que, dixo, "non ten cabida na nosa cultura". "A liberdade política, a prosperidade, a cohesión social baseada na redistribución fiscal e o respecto no debate público son piares da UE", subliñou.

Tamén as principais cabeceiras da Arxentina, como os diarios Clarín e Página 12, critican o ton de Milei na súa visita non oficial a Madrid e acúsano de desatar "a peor crise con España", di o primeiro dos xornais, por mor da súa "lingua longa", engade Página 12.

E mentres Milei saca a súa lingua a pacer gabándose da súa xestión económica —"estamos domando a inflación", dixo este domingo en Madrid—, os datos falan por si mesmos: se ben a inflación mensual si comeza a retroceder, o IPC interanual fechou abril no 289%, 78 puntos máis que cando tomou posesión como presidente en decembro pasado.