Crónica desde Xerusalén: Palestina, un xenocidio a dous tempos baixo o réxime do apartheid

Derrubamento da casa de Fahkri Abdu Diab, o sur da Cidade Vella de Xerusalén. (Foro: María Rúa)
Se na Faixa de Gaza o exterminio da poboación palestina é unha práctica diaria e televisada que desde o 7 de outubro xa se cobrou máis de 39.445 mortes, a situación en Xerusalén e Cisxordania é un lento e silencioso xenocidio baixo o réxime do apartheid sionista que priva de dereitos e liberdades o pobo palestino.

A base da estratexia reside na narrativa da deshumanización e do exterminio total, negando a existencia do pobo palestino por parte das autoridades e a sociedade israelí. Así, é frecuente escoitar nas rúas de Tel Aviv ou Xerusalén-oeste comentarios do tipo “os palestinos non queren os seus fillos. Só procrean para darlles unha bomba e mandalos contra nós”. O propio ministro de defensa de Israel, Yoav Gallant, afirmou estar “loitando contra animais humanos”.

Estes discursos de odio veñen dunha estratexia de corte sionista nada no século XIX e radicalizada a partir do 1967 que, sendo contraria ao dereito internacional, pretende erradicar a poboación palestina do territorio que os israelís consideran propio, é dicir, o que coñecemos como Israel, a Faixa de Gaza e Cisxordania. O mesmo Tribunal Internacional de Xustiza emitiu unha resolución de carácter non vinculante recentemente onde declara Israel “responsábel de apartheid” nos territorios palestinos ocupados ditaminado que “a súa presenza é ilegal”. 

A práctica diaria

No concreto, isto materialízase no que Zakria Odeh, coordinador da Coalición Civil para os Dereitos Palestinos en Xerusalén (CCPRJ), describe como “un conxunto de medidas políticas que impoñen a segregación legal, mais tamén física a través do muro e a guetificación dos barrios palestinos onde a penas hai servizos públicos, nin espazos comunitarios, marxinalizando a poboación”. A imaxe lembra campos de refuxiados ou favelas superpoboadas e desordenadas. En fronte, os asentamentos colonos con amplos espazos verdes, planificación urbanística e servizos. Cando o sol se pon resaltan nos tellados as estrelas de David feitas con luces de neon azul que lles recordan aos seus veciños palestinos como van colonizando os seus espazos. “Se as nosas crianzas medran nesta contorna violenta, como van chegar á idade adulta?”, di Odeh.

Checkpoint en Xerusalén. (Foto: María Rúa)

Paralelamente, existe unha total negación dos dereitos civís e políticos. Segundo indica o director do departamento de mapas e investigacións da Sociedade de Estudos Árabes, Khalil Tufakji, “como palestinos só contamos co status de residentes outorgado polas autoridades israelís, non de cidadáns. Non podemos acceder ao territorio de Israel sen un permiso especial. Cando saímos ao exterior viaxamos cun documento outorgado por Israel onde di que somos xordanos para non recoñecer a nosa existencia como palestinos”. 

Zakria apunta á cuestión da vivenda. “Como non somos cidadáns, o goberno non nos dá licenzas para regularizar as nosas vivendas ou para construír”. Cando un palestino solicita a licenza, as autoridades dilatan o procedemento ou denégana, o que implica, como afirma Tufakji, que “o pobo constrúeas de maneira ilegal e estas poden ser derrubadas polas autoridades israelís”. Segundo a Lei de Terras de Israel de 1960, esta é propiedade do Estado polo que todas as vivendas anteriores a esta lei son ilegais.

Pintada no barrio palestino de Silwan. (Foto: María Rúa)

Este é o caso do veciño Fahkri Abdu Diab, do barrio de Al Bustan-Silwan de Xerusalén. Hai dúas semanas apareceron na súa casa máis de 200 policías con cans e cunha orde de derrubo. “Como son activista dixeron que viñan cortarme a lingua”, lamenta. “Entraron na casa, agarraron con violencia á miña muller, que aínda estaba coa roupa de durmir, e en cuestión de minutos fixéronnos saír”. Na vivenda vivían 13 persoas. Agora, ao lado dos cascallos, levántase unha pequena casa de latón branco na que Fahkri habita soamente coa súa muller. “Queríannos botar e este é o noso acto de resistencia”.

Control demográfico da poboación palestina

Esta estratexia está englobada dentro dunha superior que é a do control demográfico da poboación e que implica que en ningunha demarcación a poboación palestina debe alcanzar máis do 20% total para asegurar unha maioría xudía. En palabras de Odeh, “están tentando reducir o número de palestinos para crear maiorías xudías e os derrubamentos son unha maneira de facelo”. 

Todo isto remata, segundo indica Tufakji, “no plan de Netanyahu para construír un único Estado, Israel. O muro forma parte desta idea. Non é para defenderse. Marca onde se situarán os asentamentos dos colonos mentres trazan autovías que unen os seus barrios coas cidades e por onde non poden pasar os palestinos”. A segregación xeográfica é outra das caras do apartheid. De feito, “o número de colonos en Cisxordania incrementouse de 100.000 en 1991 a 506.000 hoxe” asinte. 

Esta situación limita a liberdade movemento das persoas palestinas. “Imaxina o que é ter que cruzar diariamente os checkpoints para ir traballar ou estudar. O impacto psicolóxico é enorme. Israel é un estado do apartheid que só quere a nosa desaparición”, sentencia Odeh.


Situación tras o 7 de outubro

Desde outubro, a violación dos dereitos humanos incrementouse notabelmente. O último informe da CCPRJ denuncia o “peche de Xerusalén á poboación palestina” a través de checkpoints militarizados que deciden aleatoriamente quen accede. Quedan privadas de servizos básicos como a atención médica, educación, culto ou traballo. A Organización Internacional do Traballo estima que máis de 400.000 palestinas perderon os seus empregos nos primeiros meses de guerra pola restrición de movementos e a cancelación dos permisos de traballo. Tamén aumentaron as detencións arbitrarias que, segundo Odeh, “moitas veces son por compartir ou darlle un gústame a unha publicación de Al-jazeera alegando sospeita de cometer crimes de incitación e apoio a organizacións terroristas”.