Cymru: o 37% dos galeses quer máis soberanía e un 5% demanda a independencia

A enquisa da BBC sinala que o 23% dos habitantes deste país baixo administración británica apoiaría suprimir a autonomía. Unha comisión creada polo goberno de Londres recomenda dar máis autogoberno a Gales.

O 5% dos galeses queren a independencia do seu país e un 37% demandan máis autogoberno e soberanía. Así o recolle unha sondaxe da BBC, que tamén recolle que hai un 23% de enquisados son partidarios de que se supriman as competencias autonómicas. División pois neste país celta baixo administración de Gran Bretaña que goza dun réxime autonómico desde hai uns poucos anos.

De feito, e segundo a sondaxe da BBC, hai máis galeses partidarios da independencia de Escocia (7%) que de Gales (o mencionado 5%). Iso si, a demanda de maior autogoberno para Cymru atinxe a máis do 37% da poboación.

Comisión Silk

A enquisa chega no mesmo tempo que a Comisión Silk propón a Londres aumentar o autogoberno de Cymru, nomeadamente en eidos como a a xustiza, mais non só. Esta comisión foi impulsada en 2011 polo propio executivo británico coa misión de analizar se cumpría aumentar a autonomía para este país de case tres millóns de habitantes. A Comisión está integrada por sete expertos (dos cales 4 son de partidos representados na Asemblea Nacional galesa). Traballa na transferencia de novas competencias a Cymru. Tamén as fiscais e económicas, con referendo incluído.

O Plaid Cymru xa manifestou que as recomendacións da Comisión Silk son “insuficientes” para as necesidades de Cymru. A Asemblea Nacional de Gales (Cynulliad Cenedlaethol Cymru) é o Parlamento desta nación histórica, un órgano composto por 60 deputad@s. Deses 60 escanos, 11 son de Plaid Cymru (Partido de Gales), a principal organización política nacionalista, que obtivo o 11,3% dos votos nas eleccións de 2011 á asemblea. Ten, tamén, 3 deputad@s no Parlamento de Westinster e unha eurodeputada en Bruxelas, onde o Plaid Cymru está integrado na Alianza Libre Europea.