A Declaración da Habana pon o ramo ao II cumio da Celac cunha aposta pola unidade rexional

A declaración, avalada polos 33 membros da Comunidade de estados latinoamericanos e caribeños (Celac), confirmou a este grupo rexional como espazo de diálogo e concertación política. O documento avoga por avanzar na integración, fortalecer a Celac como actor político internacional e defender a soberanía como chave para un medre económico sostíbel e coa inclusión social como protagonista.


 

A Declaración da Habana puxo o ramo ao II cumio que a Celac desenvolveu nestes días na cidade cubana, cita na que tomaron parte 33 estados para debater, analizar e dialogar en torno a unha axenda na que a loita contra a pobreza e a desigualdade e a defensa da soberanía tiñan espazo de importancia. A este encontro asistiron tamén, como convidados, o secretario xeral da ONU e o secretario xeral da OEA. Era a `primeira vez que o máximo responsábel da OEA pisaba Cuba desde 1962, ano no que a Organización de Estados Americanos expulsou á illa do seu seo por comunista.

O documento, de 83 parágrafos, destaca a importancia de Celac como ferramenta que “fai posíbel a aspiración para traballar xuntos polo benestar dos nosos pobos”, procurando unha maior integración deste espazo rexional á vez que se traballa en fortalecelo como “actor político internacional”.

Desenvolvemento sostíbel

O desenvolvemento sostíbel e produtivo, “en harmonía coa natureza” naqueles “eidos nos que se poidan construír sinerxias”, é outro dos compromisos da Declaración da Habana, que tamén expresa “o desexo de traballar conxuntamente para superar os desafíos do actual escenario internacional”.

O acordo para impulsar “rirmos de medre económico sostido que propicien unha equidade e inclusión social crecentes”. Nesta liña, a Celac tamén avoga pola preponderancia que lle hai que dar “á seguranza alimentaria e nutricional, a alfabetización, a educación, o desenvolvemento da agricultura e a saúde pública universal.

Territorio libre de colonialismo

“Compromiso de traballar para que a rexión de América Latina e o Caribe sexa un territorio libre de colonialismo”. Eis outra das chaves da declaración final, que deixa claro e reafirma que “os recursos naturais, a liberdade de xestionalos e o seu aproveitamento como fonte para financiar o desenvolvemento económico, a xustiza social e o benestar dos pobos”.