Dedé, a única das irmás Mirabal que non foi asasinada por Trujillo, morreu aos 88 anos

[Imaxe tirada dun diario dominicano]

Foi ela, Bélxica Adela Mirabal Reyes, a encarregada de recibir os cadáveres das tres mulleres e de desmantelar as pretensións da ditadura, quen quixo facer pasar os asasinatos por un accidente informando á imprensa de que "tres irmás morren ao se precipitar o seu Jeep ao abismo". Dedé difundiu a memoria das Bolboretas.


Bélgica Adela Mirabal Reyes, Dedé, a única das irmás Mirabal que sobreviviu á ditadura do xeneral Trujillo na República Dominicana, faleceu este 2 de febreiro após varios días ingresada por unha doenza respiratoria.

Dedé tiña 88 anos e desde o 25 de novembro de 1960, cando recolleu os cadáveres das súas irmás asasinadas, dedicou cada un deles a desmantelar as pretensións da ditadura, quen transladou ao pobo dominicano e á imprensa a nova de que Patria, Minerva e María Teresa Mirabal faleceran a consecuencia dun sinistro de tránsito cando viñan de visitar os seus compañeiros, encarcerados por Trujillo, e "o seu Jeep precipitouse ao abismo". 

A cuarta das irmás Mirabal, Dedé, quen non tivera un papel activo na loita contra a ditadura, foi a encarregada de manter viva a memoria das irmás e dignificar os seus nomes. Foi a encarregada de deixar claro que a "tráxica morte" descrita por Trujillo fora en realidade un asasinato perpetrado após seren represaliadas, torturadas e violadas. A elas vai dedicado o 25 de Novembro, cando o mundo conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Cando Bélgica Adela recibiu os corpos das súas irmás dirixiuse á policía, partiulles unha cámara para que non lles fixeran fotos e percorreu o camiño desde o hospital até o cemiterio berrando "Asasinos!". 25 anos despois morreu a súa nai e Dedé decidiu destinar a casa en que moraba a facer un museo, o Museo Irmáns Mirabal. En cada visita e namentres a súa saúde llo permitiu, contou unha e outra vez a historia das Bolboretas.