Demite o fiscal catalán, expedientado por apoiar o dereito a decidir

Puxo o seu cargo a disposición do fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, que encetou na segunda feira a vía para destituílo polas súas opinións en prol do referendo pola independencia


O fiscal superior de Catalunya, Martín Rodríguez Sol, presentou esta terza feira a súa demisión perante o fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, despois de que este o expedientase para destituílo após as súas opinións a favor do dereito do pobo catalán a decidir.

Nun comunicado enviado á imprensa tras coñecer as intencións de Torres-Dulce, Rodríguez Sol dixo que el non prestara apoio "nin directo nin indirecto" a un proxecto independentista, senón que aludiu a unha Lei de consultas do Parlament, que fica pendente de tramitación e que permitiría "preguntar ao pobo catalán sobre distintas cuestións que afecten os seus intereses".

Foi xustamente ese visto e prace ao dereito a decidir o que provocou a apertura dun expediente na súa contra. Nunha entrevista concedida á axencia de noticias Europa Press, considerou lexítimo que Catalunya aspire a consultar a súa cidadanía sobre o futuro político.

Após enfatizar que "non existe actualmente un marco legal que permita un referendo sobre a independencia", apostou por buscar unha alternativa: "utilizar a lei de consultas con preguntas doutro estilo, e así pódese xogar, posíbelmente". Acrecentou que "se non hai unha solución en Madrid hai que ver que ámbito de competencias nos quedan e que se pode facer".