Derry recupera oficialmente o seu nome en lugar do 'colonial' Londonderry

O Concello da cidade nor-irlandesa aprobou o cambio de denominación coa oposición dos unionistas (6 de 30 concelleir@s). Era unha demanda de vello da poboación local.

Cando os ingleses colonizaron a illa de Irlanda substituiron os elementos identidatios da poboación autóctona, un deles, a toponimia, para borrar calquera rastro de gaélico e reemprazalo polo inglés. Un exemplo paradigmático estivo na cidade nor-irlandesa de Derry, vila que protagonizou ducias de rebelións contra a presenza británica. O seu topónimo orixinal é Doire, en gaélico. Mais non se utiliza. No seu lugar empregábase Derry até que a colonización inglesa impuxo un humillante 'London' diante: Londonderry, denominación rexeitada pola maioría da poboación local.

De feito, a loita pola denominación oficial como 'Derry' foi un dos cabalos de batalla do nacionalismo irlandés durante estas décadas. Unha loita que vén de triunfar da man da decisión do Concello de cambiar a denominación oficial e Derry será Derry. Sinn Féin, SDLP e independentes (24 edís de 30) apoiaron a medida, que contou coa oposición d@s 6 concelleir@s unionistas, que falan de “sectarismo”.

“Está vostede na zona onde ningún inglés conseguíu entrar”

Derry foi un deses 'puntos quentes' nos anos duros dos 'Troubles' en Irlanda do Norte. Alí, no verán de 1969, aconteceu a coñecida como 'A batalla do Bogside' , en referencia ao barrio onde se orixinou. As proestas da poboación nacionalista contra unha marcha unionista polo seu barrio levou a unha forte intervención policial que deu pé a tres días de constantes disturbios na rúa. A policía non foi quen de entrar no barrio nacionalista, polo que se chamou ao exército británico, que se enfrontou á poboación civil local. Daquela figura o mural “Está vostede entrando no Derry libre” en referencia á zona de barrios nacionalistas que os británicos non foran quen de dobregar. Durante anos, nos pubs da zona luciu con orgullo a lenda “Está vostede na zona onde ningún inglés conseguiu entrar”. En 1972 paracaidistas do Exército británico abriron fogo contra unha manifestación polos dereitos civís asasinando 14 persoas no que se coñeceu como 'Domingo Sanguento' de Derry.

Primeira parte do artigo tirado de Nationalia