As desprazadas pola forza no Líbano xa son case medio millón de persoas

Ataque israelí a cuarta feira ao Líbano. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)
Hezbolá lanza un mísil contra a sede do Mossad.

Na terceira xornada da agresión militar israelí ao Líbano, o titular de Exteriores do país árabe, Abdallah Bou Habib, informou a cuarta feira de que, desde as 110.000 persoas que xa estaban desprazadas internamente polas escaramuzas entre Hezbolá e o Exército sionista pasouse a unha “cifra que se está a achegar ao medio millón” a raíz do inicio da guerra desatada por Israel, que afecta sobre todo ao sur libanés.

Pola súa parte, a Organización Internacional para as Migracións estimou en como mínimo 90.000 as persoas desprazadas desde o ataque inicial a segunda feira. En paralelo, 6.000 sirias e sirios e 3.000 nacionais libaneses cruzaron a fronteira en dirección a Siria, comunicou a axencia EFE.

Máis de 600 persoas foron asasinadas por Israel nos ataques aéreos indiscriminados contra civís, principalmente dirixidos a vivendas, desde a segunda feira, cunha periodicidade cada vez máis ampla entre ataques.

Ao tempo, Hezbolá mantivo os lanzamentos contra bases militares israelís mais tratando de evitar unha intensificación do enfrontamento bélico. Nese sentido, na madrugada da cuarta feira lanzou un mísil contra o centro de mando principal do Mossad, en Tel Aviv, que segundo os militares israelís foi interceptado.

É a primeira vez que un ataque desde o Líbano penetra tan profundamente no territorio sionista, algo que os Estados Unidos consideraron “profundamente preocupante” e que a xornalista de Al Jazeera Stefanie Dekker definiu como unha “mensaxe de Hezbolá de que aínda non causamos tanto dano como podemos”.

Entrementres, multiplícanse os indicios sobre a intención israelí de lanzar unha invasión terrestre. A cuarta o Exército difundiu que remobilizarán dúas brigadas de reservistas para enviar á fronteira co Líbano, e o Comando Norte dos militares indicou que deben “prepararse” para a invasión.

Malia que o foco pasou á fronteira libanesa, Israel segue a bombardear Gaza, onde matou unha muller embarazada e os seus catro fillos, de entre 8 e 18 anos. Máis de 41.000 persoas foron asasinadas alí desde outubro polo réxime de apartheid.

Precisamente sobre o xenocidio na Faixa desvelouse que o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, mentiu ao Congreso ao soster que Israel non estaba restrinxindo o acceso a Gaza da axuda humanitaria enviada por Washington, pois a Axencia para o Desenvolvemento Internacional do país concluíu que Israel denegou, restrinxiu e limitou arbitrariamente a entrada da axuda, o que segundo a lei estadounidense obrigaría a prohibir as entregas de armas ao réxime israelí.