Detido en Países Baixos o presunto autor material do atentado contra Vidal-Quadras

Alejo Vidal Quadras. (Foto: Europa Press)

A policía de Países Baixos arrestou o francés Mehez Ayari, un membro da Mocro Mafia que actuaría por encargo e que foi o autor do disparo na cara ao político catalán

A Policía detivo esta cuarta feira en Países Baixos un home como presunto autor material dos disparos a Alejo Vidal-Quadras. O fuxitivo ao que se buscaba era Mehrez Ayari, un cidadán francés de 37 anos, de orixe tunisiana, con múltiples antecedentes en Francia.

Segundo informou a Policía en redes sociais, sobre o detido pesaba unha Orde de Detención Internacional emitida pola Audiencia Nacional, cuxo xulgado número 5 instrúe a causa.

En abril, a Policía anunciou a detención tamén dunha muller en Holanda pola súa presunta participación no financiamento e preparación do atentado contra o político.

Alejo Vidal-Quadras recibiu un disparo na cara o pasado 9 de novembro perto do seu domicilio, na rúa Núñez de Balboa de Madrid.

Trátase da sexta detención que se realiza no marco da investigación do atentado perpetrado contra o fundador de Vox e ex presidente do Partido Popular de Catalunya.

Entre os arrestados consta Greg Oliver, un venezolano localizado na fronteira colombiana supostamente implicado na compra da motocicleta empregada no atentado e cuxa extradición solicitou o xuíz.