VÍDEO NO INTERIOR

Tres detidos e enfrontamentos coa Policía no cerco da ultradereita ás sedes do PSOE pola amnistía

O ultradereitista Juan García-Gallardo portando unha bandeira de España diante dun escudo do 'Capitán América' coas cores españolas. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Os asistentes portaron bandeiras de España e tamén franquistas, así como carteis en contra de Sánchez, Puigdemont e a amnistía, berrando lemas como 'Sánchez a prisión'; 'Chámano democracia e non o é' ou 'Non nos enganan, Catalunya é España'.

Unhas 3.800 persoas —segundo datos da Delegación do Goberno español en Madrid— concentráronse na noite desta segunda feira, por terceira vez, ás portas da sede estatal do PSOE na rúa Ferraz clamando contra os pactos do candidato socialista á investidura, Pedro Sánchez, con formacións independentistas e contra a lei de amnistía xa acordada con ERC e en vías de negociación con Junts. Os disturbios e enfrontamentos coa Policía deixaron ademais tres detidos por desobediencia e atentado contra a autoridade. Tamén noutras cidades como Barcelona ou Valladolid houbo protestas diante das sedes do Partido Socialista.

Á protesta de Madrid acudiron o líder do ultradereitista Vox, Santiago Abascal e o vicepresidente da Xunta de Castela e León, Juan García-Gallardo, do mesmo partido. Ao longo da noite vivíronse momentos de tensión cando os miles de asistentes trataron de envorcar os valos de seguridade que a Policía Nacional dispuxo para manter aos manifestantes afastados da porta da sede do PSOE.

Contra as 21.30 horas, a tensión medrou e efectivos antidisturbios interviron, lanzando gases lacrimóxenos, pelotas de goma e botes de fume, iniciando unha carga contra os manifestantes que se estendeu polos arredores de Ferraz. Os antidisturbios continuaron polas rúas Marqués de Urquijo e Princesa, onde se comezou a dispersar os manifestantes entre berros contra o Goberno de Pedro Sánchez.

Foi a plataforma 'Revuelta', unha organización vinculada á asociación estudantil 'Plataforma 711' e ao movemento da extrema dereita que defende os "valores cristiáns" e "da reconquista", a convocante da protesta que comezou ás 20 horas desta segunda feira. Os asistentes portaron bandeiras de España e tamén franquistas, así como carteis en contra de Sánchez, Puigdemont e a amnistía, berrando lemas como 'Sánchez a prisión'; 'Chámano democracia e non o é' ou 'Non nos enganan, Catalunya é España'.

Tamén se repartiron carteis nos que se podía ler 'Amnistía non' e 'Sánchez traidor' portando ademais altofalantes, cacerolas e chifres. A desta segunda feira é a terceira ocasión na que se producen concentracións na rúa Ferraz desde que Sánchez pactou con ERC unha lei de amnistía que favorecería os procesados do procés catalán, o traspaso das competencias de Rodalies ou a condonación de até 15.000 millóns de euros de débeda do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) a Catalunya.

Pola súa parte, Sánchez trasladou nas redes sociais o seu apoio á militancia socialista ante estas tensas protestas. Atacar as sedes do PSOE, dixo, é "atacar a democracia e a todos os que cren nela". Tamén afirmou que tras máis de 140 anos de historia do partido "nunca ninguén será capaz de amedrentar o PSOE". "Seguiremos adiante", engadiu.

A este apoio sumouse tamén a vicesecretaria xeral do PSOE e ministra de Facenda, María Jesús Montero, que denunciou que a "ultradereita quere gañar a berros" fronte ás sedes do PSOE "o que non gañaron nas urnas", preguntándose ao mesmo tempo se esa é a folla de roteiro de Vox e o PP. "Isto si que é romper España e ameazar a democracia. Se pensan que van amedrentarnos non coñecen o PSOE, a súa historia nin a súa militancia", escribiu nas redes.