Eleccións Europeas 9-X

Dimite o primeiro ministro belga polos malos resultados do seu partido nas europeas

Rolda de prensa do primeiro ministro de Bélxica, Alexander de Croo, a última hora deste domingo. (Foto: James Arthur Gekiere / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)
"Para nós é unha noite particularmente difícil, perdemos", admite De Croo, que confía en que os liberais "regresarán".

As eleccións europeas deste domingo seguen a axitar o taboleiro político polo continente adiante. O primeiro mandatario en tomar medidas asumindo a derrota nas urnas foi o presidente de Francia, Emmanuel Macron, que após coñecer as primeiras estimacións, cunha vitoria contundente da ultradereita de Marine Le Pen dobrando os votos da formación liberal, anunciou a disolución da Asemblea Nacional e a convocatoria inmediata de eleccións lexislativas.

E pouco despois foi a quenda do primeiro ministro de Bélxica, Alexander de Croo, avanzaba a súa dimisión tras colleitar uns pobres resultados para o seu partido, o liberal Open Vld, nunha noite de moita tensión na que a extrema dereita de Vlaams Belang logrou a vitoria pola mínima, con 14,50% dos votos, medio punto por riba da Nova Alianza Flamenca. O partido de Croo foi oitavo con 5,76% dos sufraxios.

"Para nós é unha noite particularmente difícil, perdemos. Desde mañá [por esta segunda feira] dimito do meu posto como primeiro ministro, pero os liberais son fortes e regresarán", anunciou, visibelmente emocionado nunha rolda de prensa convocada de urxencia após coñecer os resultados da xornada no seu país.

Tamén asumiu parte da culpa do fracaso electoral o presidente de Open Vld, Tom Ongena, quen confirmou que non seguirá á fronte da formación. "Non vou optar a seguir. Veremos mañá [esta segunda feira] na oficina do partido cando haberá eleccións internas. Enfrontámonos a unha profunda operación de renovación", salientou.