O director de ‘El Mundo’ ameaza coa demisión e consegue que Pedro J. non escriba no xornal

Esta non é unha guerra só xornalística, ten un trasfondo político: as tensións no seo da dereita española no pior momento para o PP desde que conquistou o poder.

 

O director dun xornal ameazando aos propietarios con marchar se o ex-director dese mesmo xornal segue publicando nese diario os seus artigos cargando contra o actual director. Non é unha comedia de Billy Walder, mais si un esperpento da prensa española.

Casimiro García-Abadillo advertiu á dirección de El Mundo’, segundo publica Público, que deixaría o cargo de director que ocupa desde hai unhas semanas e marcharía se no periódico o ex-director Pedro J. Ramírez seguía a publicar as súas demoledoras opinións contra el. A dirección respondeu ao ultimato en primeira instancia pedindo paciencia, mas finalmente acabou por ser sensíbel ás presións de García-Abadillo. Pedro J publica en ‘El Mundo’ en virtude do acordo pactado cando marchou do posto de director que ostentaba desde o nacemento do xornal. Nese acordo Pedro Jota comprometíase a non crear un novo medio en dous anos. Iso si, unha cláusula estipulaba que o xornal que el creou mantivese os seus sinais de identidade, algo que entende que non fixo, polo que se sente desvinculado das obrigas.

De feito, xa hai informacións que apontan a que o ex-director de l Mundo’ estaría preparando o lanzamento dun dixital. E non só iso. Nos últimos anos foron evidentes as diferenzas de Pedro Jota co PP de Mariano Rajoy. Nestas semanas, o xornalista apuntou en máis dunha ocasión a necesidade dunha nova forza política, de dereita liberal e defensa da nación española. E xa hai quen fala de movementos para crear unha especie de `Podemos’ liberal con Albert Rivera a facer o papel de Pablo Iglesias.

Amago exitoso

O amago de demisión de García-Abadillo foi exitoso. A empresa púxose acarón do director e deulle autorización para este domingo non publicar o artigo de Pedro J,que portanto deixará de escribir no xornal que el fundou. A derrota do xornalista que marcou coa súa tempestuosa persoalidade o devir de El Mundo parece total, mais a historia dista de ter concluído. O seu despedimento como director foi pactado e no acordo Pedro J. arrincou dúas concesións non despreciábeis. Primeiro, dispor dun despacho na sede do xornal. Segundo, manter a súa columna dominical. Agora a empresa racharía o acordo, probabelmente o obxectivo que Pedro J. procurou desde o minuto 1 deste xogo. Por que? Para desligarse do seu compromiso de non fundar un novo meio que eventualmente se puidese tornar nun competidor para El Mundo.