A editora de ‘El Jueves’ retira a capa sobre a abdicación de Juan Carlos

RBA Ediciones retirou da imprenta 60.000 exemplares, nunha decisión que anoxou a redacción. Xa demitiron varios integrantes do semanario en desacordo coa ''censura''.

Manel Fondevila, autor da portada de ‘El Jueves’ e antiguo director do semanario satírico confirmaba a El Confidencial: “Había unha capa entregada que non é a que se publicou. Aínda agardo unha explicación”. RBA Ediciones, dona de ‘El Jueves’, retirou da imprenta 60.000 exemplares da revista cunha capa na que Juan Carlos I pasaba unha cheirenta e suxa coroa a Felipe de Borbón.

Albert Monteys, anterior director do semanario satírico, sinala que foi a ponte de mando da RBA quen decidiu tomar a decisión de vetar a capa, non El Jueves. RBA é propietaria desta revista desde hai oito anos. Os 60.000 exemplares foron destruídos.

A isto engádese, sempre segundo a versión que ofrece El Confiencial, que a editora advertiu a El Jueves que nas seguintes semanas non podería aparecer na capa o tema dos Borbóns e a sucesión.

Casa Real

A pregunta do millón é se houbo ou non chamada da Casa Real para que se parase a saída á rúa desa portada. Desde a propia redacción semellan ser máis partidarios da versión de que RBA actuou por vontade propia e nun intento de congraciarse coa Zarzuela e o poder. Os e as traballadoras desta revista tamén afirman que a decisión da editora supón, de facto, matar El Jueves.

Albert Monteys presentou a súa demisión. Unha decisión que podería ser secundada por máis profesionais da revista.