Eleccións nas Illas Feroe: maioría independentista e derrota da dereita

Vista dunha zona da capital das Feroe

As formacións partidarias de se independendizar de Dinamarca atinxen nos comicios lexislativos 19 dos 33 escanos da Cámara.

Situadas entre Escocia, Noruega e Islandia, as Feroe son un arquipélago de 18 illas (17 delas habitadas) de 1.400 quilómetros cadrados onde viven apenas 50.000 persoas, 20.000 delas en Tornshaven, a capital, e a súa contorna. Son un área autónoma mais pertencente ao Reino de Dinamarca, nunha situación similar á de Groenlandia. Segundo informa Nationalia, nas recentes eleccións lexislativas que decorreron esta semana en Feroe os partidos independentistas atinxiron 19 dos 33 escanos do Parlamento, un resultado que “conducirá a unha mudanza de goberno” na que os partidos conservadores perderían o poder en beneficio dunha coligazón de esquerdas. A independencia das Feroe non foi nesta campaña un dos temas fulcrais, e mesmo no novo goberno poderían convivir independentistas e unionistas.

A forza máis votada foi o Partido Social-demócrata (unionista, 25% dos votos, 8 deputad@s). O seu lider Aksel Johannesen é o que se sinala como probábel novo primeiro ministro das Feroe. Mais para iso tería que atinxir un acordo con outras forzas.

Esquerda independentista, segunda forza

A esquerda independentista (Tjóðveldi)foi a segunda forza máis votada, atinxindo 7 escanos após obter case o 21% dos votos. Os 2 partidos conservadores son os grandes derrotados nestes comicios, cada un deles perdendo 2 parlamentares. Tanto o unionista Partido da Unión coma o independentista Partido Popular obtiveron 6 deputados. O actual presidente Kaj Leo Johannesen (Partido da Unión) estaba en horas baixas por un contrato para a construción dun túnel entre dúas das illas que compoñen as Feroe.

Os seis escanos restantes repartíronse entre formacións máis pequenas, todas independentistas: Partido do Auto-goberno (social-liberais), Partido do Centro (conservador) e Progreso (liberais). Cada unha obtivo 2 deputad@s.

As diferenzas existentes entre as 5 formacións independentistas que obtiveron representación sobre como e cando se iniciaría un proceso de cara a independendizarse de Dinamarca e proclamar un Estado feroés independente fan que non haxa acordo entre elas para gobernar.

Independencia proclamada e anulada por Dinamarca

As Feroe levan baixo dominio de Dinamarca, con breves irrupcións, desde 1.388. Non foi unha relación amistosa, O Parlamento das Feroe (Løgting) foi suspendido ou abolido en varias ocasións, como en 1856; e o idioma e cultura propias das illas foron marxinadas pola lexislación imposta desde Copenhage.

En setembro de 1946 realizouse un referendo, consulta na que os votos a prol da independencia representaron o 50,8% dos emitidos fronte ao 49,2% de sufraxios partidarios de seguir en Dinamarca. As Feroe declararon a independencia o 18 de setemgro, mais dous días despois Dinamarca anulou a declaración.

En 1948 as Feroe obtiveron un auto-goberno que daba competencias ao goberno autónomo sobre diferentes eidos. En virtude desta autonomía, as Illas Feroe decidiron en referendo non facer parte da Unión Europea.